A Xunta reacciona por fin e convoca xuntanza tripartita do transporte de viaxeiros/as por estrada
O sector de transportes da FGAMT-CIG saúda que a Consellaría de Infraestruturas teña reaccionado por fin e convoque unha reunión tripartipa para esta mesma tarde, no formato que fora pactado hai dúas semanas entre a administración, a patronal e as centrais sindicais. Porén, a central non pode deixar de lamentar a tardanza desta reacción e que tiveran que realizarse catro xornadas de folga total no sector "e pór enriba da mesa a posibilidade dunha folga indefinida para que a Consellaría por fin actuara, cando o único que se lle pedía era respecto ao marco de negociacións acordado".
"Como vimos defendendo dende o inicio do conflito, temos total disposición ao diálogo, mais iso non supón abandonar as accións mobilizadoras", apuntaba o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza. Para quen "resulta obvio" que abrir canles de diálogo e unha mesa de negociación con todas as partes implicadas é fundamental para resolver o conflito e acadar un plan de transportes que garanta os empregos, as condicións laborais e un servizo adecuado ás necesidades da cidadanía e as características do noso territorio.
"Agardamos que a Consellaría acuda á xuntanza desta tarde cunha actitude aberta, con disposición á negociación real e coa perspectiva de termos por diante tempo abondo para elaborar o mellor proxecto posíbel", valorou.