Xunta quere que axentes forestais traballen 6 meses en quendas de 12 horas
O colectivo de axentes forestais e medioambientais cualifica de “miserábel” a última proposta achegada pola Xunta no marco das negociacións do novo acordo laboral, xa que a Administración galega pretende que traballen durante seis meses en quendas de 12 horas, o que aumentaría a xornada anual a máis de 2000 horas. E todo sen ningún tipo de de redución horaria nin compensación adicional, o que entenden prexudicaría a súa vida familiar e laboral.
O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de facer público un comunicado conxunto coa UGT no que se lembra que, tras anos de espera, en novembro de 2017 iniciáronse unhas negociacións “cun interlocutor que fixa a data do 1 de decembro de 2017 como límite para renovar un acordo de condicións de traballo asinado en 2004, e caduco dende o 2007.
O director xeral de Función Pública presentou unha proposta inasumíbel que eleva a xornada anual a máis de 2000 horas, mentres un funcionario de corpos xerais fai unhas 1700
Mais en lugar de presentar un novo acordo que se axuste aos novos lumes que se están a producir debido ao cambio climático e o abandono do rural, “o director xeral de Función Pública presenta un texto para o acordo inasumíbel, posto que aumenta a xornada anual a máis de 2000 horas, mentres un funcionario/a de corpos xerais realiza 1700”.
A Xunta achega un escrito “cutre e miserábel” sen ningunha redución horaria nin compensación adicional con días de descanso, “e logo, o silencio, o baleiro, a inacción”. Até que cinco meses despois prodúcese unha nova xuntanza, na que trasladan unha proposta “miserábel que pretende condicionar a nosa vida e sen compensación horaria de ningún tipo”.
Polo que o pasado 24 de maio, nunha manifestación convocada en Santiago pola CIG e a UGT á que acudiron máis de 300 traballadores/as, “o colectivo dixo non e esa proposta, pedindo uns horarios e salario dignos”.
Ao mesmo tempo, denuncian que a Xunta malgastou nos últimos 10 anos máis de cinco millóns de euros de diñeiro público de todos/as os galegos/as, “gasto que, tal e como quedou demostrado na 'operación Sentinela' asinada entre a Xunta de e o Exército español, non é eficaz, pois no lugar onde estiveron despregados/as os militares os lumes continuaron e non se constatou unha redución”.
Entenden que este diñeiro podería servir para desbrozar moitos quilómetros de pistas forestais e poder atallar os lumes con máis axilidade. Critican que estas pistas estivesen totalmente pechadas e sen desbrozar nos últimos cinco anos, “sendo este o motivo polo que o lume queimou 30 hectáreas arboradas no concello pontevedrés de Vila de Cruces o mes pasado”.
A Xunta desoe as demandas do colectivo
Ademais, sinalan que as cámaras seguen sen mantemento e están inservíbeis e que os drons son ineficaces. “E mentres, a Policía medioambiental está sen vehículos; os directores de extinción do 99% dos lumes de Galiza seguen sen cobrar unhas gardas dignas; os mellores investigadores/as deses lumes continúan sen un horario axeitado que permita a conciliación da vida laboral e familiar e sen as prazas nas RPT que o presidente da Xunta prometeu crear; e sen que os axentes que perseguen o furtivismo teñan seguridade xurídica e persoal.
“Pero a Xunta segue a ignorar as demandas deste colectivo deixando pasar os días, mentres se aproxima a campaña de alto risco de incendios forestais, e o conflito continúa sen se resolver”, polo que se preguntan que pensa facer o Goberno galego con estes/as axentes. Tamén lembran que os representantes dos traballadores/as advertiron en varias ocasións que o actual acordo laboral non sirve para atallar os grandes lumes que se están a producir no país.
A un mes da campaña de alto risco seguimos sen un acordo laboral que permita apagar os lumes de nova xeración
“Vemos como ano tras ano a Xunta non fai os deberes e agarda a que se produza unha fin de semana negra como a do 15 de outubro do ano pasado, chamando os xentes forestais o día anterior e pedíndolles por favor que fixesen o seu traballo, cousa que non é necesaria xa que levan arriscando a súa vida para impedir que os lumes devasten os montes galegos dende sempre”.
Finalmente, denuncian que a falta de menos dun mes para que comece a campaña de alto risco “vemos como o actual Goberno fai deixamento das súas funcións e é incapaz de redactar un novo acordo laboral que permita apagar e dirixir os lumes de nova xeración”.