A Xunta pretende aprobar o proxecto de Altri nunha ubicación que para ENCE considerou “inviable”
A CIG participou esta mañá na rolda de prensa convocada polas plataformas en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva, para presentar unha das alegacións ao proxecto de macropasteira que Altri pretende instalar en Palas coa beizón do goberno de Rueda, que demostra que esa ubicación, que para a pasteira ENCE foi considerada como “Inviable”, preténdese facer pasar por boa para estoutra empresa.
Esta alegación refírese aos informes periciais que contratou a factoría ENCE no proceso xudicial contra o concello de Pontevedra para acreditar que esta pasteira non se podía trasladar a ningún punto de Galiza.
Segundo explicou Xocas Rubido, portavoz da plataforma en Defensa da Ría de Arousa, estes informes periciais das consultoras IDOM e PÖYRY coinciden en que os volumes de auga dos ríos galegos, agás o do Miño, non son quen de aguantar o impacto hídrico, tanto de captación de auga como de vertido dunha empresa de celulosa estándar.
Rubido fixo especial fincapé no informe de PÖYRY, porque esta empresa finesa é a actual AFRY, consultora que foi a encargada por Altri de elaborar o proxecto, decidir a ubicación e realizar o deseño do proxecto desta macrocelulosa. “Ten especial relevo que no informe de PÖYRY afírmase taxativamente que o consumo de auga nas fábricas de celulosa do mundo se mantén nun rango constante de arredor de 30 metros cúbicos por tonelada de celulosa, independentemente da idade tecnolóxica e da capacidade de produción das plantas”, afirmou.
Apuntou que para chegar ás súas conclusións, a consultora fixo un percorrido no seu informe polas fábricas que hai no mundo, subliñando a dependencia que estas teñen de grandes volumes de auga, tanto para captación de auga doce, como para a emisión da súa contaminación para garantir unha dilución desa contaminación, algo que só se pode facer ben a masas de ríos grandes, ou ben ao océano.
Incompatible coa supervivencia do Ulla
Tendo isto en conta, lembrou que esa afirmación, na que tamén coincide a outra consultora, “confirma que a instalación de Altri no Ulla é incompatible coa supervivencia do río, porque non ten capacidade para soportar o espolio hídrico consecuencia da actividade produtiva de Altri, tanto na captación, como na emisión da contaminación da fábrica”.
Diante disto Rubido alertou do deterioro biolóxico e produtivo que provocaría tanto no río Ulla e na ría de Arousa, como nas actividades agrogandeiras da zona central de Galiza e as pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa. “Vai destruír o noso modelo produtivo e os nosos postos de traballo, que son realmente sostibles desde todos os puntos de vista e que estruturan a poboación tanto no cauce do río Ulla, como na Ría de Arousa”.
O portavoz das plataformas considerou isto moi grave, xa que atendendo ao caudal medio do río Ulla, desde o ano 1980 até o ano 2020 (40 anos) a tendencia nos meses de agosto e setembro, ao longo deste período e ante un escenario de cambio climático, é “claramente descendente”. Por iso considerou que “é obvio que xa na actualidade o río Ulla non ten capacidade de dilución do vertido de Altri nestes meses”.
Xunto a isto apuntou que co cambio climático ese escenario vaise ir ampliando. Isto é “o caudal do río vai baixar tamén en outubro e en xuño, ao se ampliar a época estival”, tal e como apuntan as previsións do panel intergubernamental do cambio climático. Unha previsión que o levou a afirmar que é “inviable do punto de vista ecolóxico, produtivo e social para o río Ulla”.
Demanda do aumento do prazo de alegacións
Pola súa banda Xulio Fernández, da plataforma Ulloa Viva, reclamou un aumento do prazo para a presentación de alegacións. Lembrou que mentres que Altri e Xunta tiveron este proxecto dous anos “enfornándose”, a parte afectada non tivo ese mesmo tempo nin para valoralo, nin para alegar fronte aos moitos erros que se están detectando.
Acusou ao goberno da Xunta e ao seu Presidente de darlle trato preferente a este tipo de industrias “cando debería ser mesmo máis favorable aos veciños e veciñas” porque son, dixo, a quen “nos van desafiuzar das nosas terras, da nosa saúde e do noso medio de vida, afectando ao tecido produtivo” da zona.
Salientou que até tal punto Rueda “non está a ter un papel imparcial” que mesmo xa anunciou que “creará unha oficina económica dependente da súa persoa” para encargarse persoalmente do tema Altri. Rexeitou o papel do “entramado de lobbys de presión empresariais, como pode ser Pepiño Blanco” para que esta industria fora a Palas e que o Estado pretenda financialo con fondos públicos como un proxecto de descarbonización, porque “non reúne os requisitos”.
Fronte a isto defendeu que eses fondos se destinaran a facer un plan estratéxico para poñer en valor os sectores primarios e para descontaminar o río “e non incrementar a enxurrada que vai botar por el abaixo”.
Presentar alegacións
A CIG, que presentou xa as súas alegacións e anunciou, no seu momento, que se sumaba tamén ás das plataformas, fai un chamamento a facer unha presentación masiva antes de que remate o prazo o vindeiro mércores día 17 de abril. Para rexistrar a alegación, imprime o modelo, escribe os teus datos e lévaa a un rexistro oficial (Xunta, Concello etc...) ou ben faino vía online mediante o formulario PR004A na Sede Electrónica da Xunta.