A Xunta presenta a Oferta de Emprego Público para a Administración Xeral para 2025 tarde e sen negociación

O presidente do Goberno galego anunciou a OEP 2025 no Parlamento mentres a directora xeral oculta as prazas e o seu desglose e convoca mesas de negociación sen achegar esa información
Nacional - 24 Nov 2025

A CIG-Autonómica denuncia que a directora xeral de Emprego Público vai levar á Mesa Xeral de Persoal Empregado Público convocada para este luns día 24 un borrador de Oferta de Emprego Público (OEP) para 2025 sen ter remitido aínda -ás 11:45h cando a xuntanza está para ás 14h- nin un só anexo coa relación detallada das prazas, malia o correo enviado por esta organización o xoves 20 solicitando esa información básica para poder negociar.

A situación é grave despois de coñecer pola prensa —e non pola Xunta— que o presidente Alfonso Rueda anunciou no Parlamento 700 prazas de acceso libre e 300 de promoción interna. Este proceder, critica a CIG-Autonómica, desvirtúa completamente a Mesa Xeral, converténdoa nun trámite baleiro “no que nada se decide porque todo chega xa pactado e pechado”.

Pero ademais, como vén sendo habitual, a proposta chega tarde pois no caso do ensino, por exemplo, a oferta de emprego público se aproba a primeiros de ano, en abril saen as convocatorias a finais de xuño comezan as probas e no prazo dun mes xa se resolve o proceso, co que en setembro xa entran a traballar. “Porén aquí xa imos un ano tarde, porque se publica a finais de ano e se atrasan os procesos varios anos sen xustificación posible”, denuncia Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica.

Sen anexos e cun borrador cheo de eivas

Burgos rexeita este proceder da DXEP, que xa converteu en costume convocar unha negociación sen datos fundamentais, pois neste intre só se dispón do borrador do decreto da OEP 2025 sen os anexos cos números de prazas.

Así as cousas, da análise inicial deste borrador cómpre destacar estes aspectos:

  • Obrígase o persoal que acceda por promoción interna a permanecer no mesmo posto, sempre que este figure aberto ao novo corpo ou escala. Se o posto non está aberto, haberá que escoller destino.
  • Anexo II (PI separada): a forma de acceso será concurso-oposición.
  • Anexo I (acceso libre): non se indica a forma de acceso.
  • Mantense a fraude do grupo B transformado en C1, sen avanzar na ordenación profesional.
  • Exclúense as escalas sanitarias da Lei 17, como xa ocorreu en anos anteriores (Sanidade irá por libre, publicando a súa propia OEP).
  • Composición paritaria dos tribunais no conxunto da OEP, non en cada tribunal: medida simbólica pero con pouca repercusión real. O que se necesita é o informe de impacto de xénero previo.

A Xunta repite as eivas habituais e evidencia a mesma falta de vontade negociadora: oferta insuficiente, atrasos perpetuos e dependencia crecente das externalizacións.

O atraso estrutural: catro anos de demora e milleiros de vacantes acumuladas

Coas 700 prazas anunciadas —sobre as que nin sequera se sabe a distribución— resulta evidente que as taxas de reposición non van aos máximos legais (taxa do 120% nos prioritarios/as).

A isto súmase un problema estrutural: entre a inclusión dunha praza na oferta e a súa cobertura efectiva poden pasar máis de 4 anos, o que engorda de maneira crónica a bolsa de temporalidade. Para reverter esta situación, as prazas deben resolverse no mesmo ano en que se ofertan, algo que a Xunta continúa sen garantir.

A alternativa da CIG: unha promoción interna extraordinaria, por concurso de méritos e sen límite de prazas

Coas 300 prazas de promoción interna anunciadas, o desleixo cara ao persoal empregado público faise evidente. A CIG-Autonómica lembra que leva dende 2022 facendo esta petición e que xa rexistrou unha proposta formal na Lei de medidas para garantir o dereito á carreira profesional:

  • Promoción interna extraordinaria no ano 2026
  • Por concurso de méritos
  • Sen límite de prazas
  • Sen computar na taxa de reposición
  • Garantindo a permanencia no posto ou a creación/adecuación dos postos necesarios

“Unha medida viable legalmente, realista e necesaria para corrixir anos de restricións e convocatorias insuficientes, así como para garantir a mobilidade profesional do persoal”, puntualiza Burgos.