“A Xunta pediunos paz social e a paz social lévanos ao peche da empresa”
“A Xunta pediunos paz social para que as negociacións da empresa cos posíbeis compradores chegasen a bo porto e esta paz social lévanos agora con toda seguridade ao peche da empresa e á destrución de arredor de 250 postos de traballo”. Quen fala é Vicente Molares, presidente do comité de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica.
O presidente do comité, da CIG, amosou hoxe a súa indignación polo feito de que sexan os medios de comunicación os que estean a informar sobre o fracaso dos contactos entre os posíbeis compadores de Maderas Iglesias e as entidades bancarias coas que a empresa mantén importantes débedas. “Non temos máis datos dos que se publican na prensa a pesar de que somos os representantes das traballadoras/es, que son os principais interesadas/es porque destas conversas depende o noso futuro”.
No caso de que as entidades crediticias opten por executar a débeda, como todo parece indicar, a empresa estará condenada ao peche. “A falta de acordo cos bancos non pode supoñer a liquidación da empresa e a perda de centos de postos de traballo, sobre todo se temos en conta que algunhas desas entidades foron rescatadas con diñeiro público”, denuncian dende a CIG-Construción de Vigo.
Non sabemos as xestións que fixo a Xunta para salvar a compañía e os empregos, o que evidencia a súa falta de compromiso
Pola súa banda, Molares lembra que a finais do ano pasado trasladáronse até o Parlamento galego para demandar o apoio de todos os grupos á continuidade da empresa e mantiveron unha xuntanza co Igape, organismo dependente da Xunta, para abordar a grave situación económica na que se atopa a empresa e consensuar as posíbeis solucións.
Posteriormente, a principios deste ano reuníronse coa Consellaría de Traballo, Emprego e Industria, que se comprometeu a contactar coa dirección da compañía e cos seus acredores para intentar buscar unha saída que garanta a súa viabilidade e o mantemento de todos os postos de traballo. “Pero por agora descoñecemos os movementos que fixeron neste sentido, o que evidencia unha falta de compromiso”.
Os bancos rexeitan a oferta de compra
Pero agora, segundo veñen de coñecer a través dos medios de comunicación, os bancos acredores rexeitaron a oferta de compara da empresa realizada por un fondo de investimente ao considerala insuficiente, o que con toda probabilidade aboca a Maderas Iglesias ao peche definitivo, deixando na rúa a unhas 250 persoas, o 80% mulleres.
Nas últimas semanas tanto o comité de empresa como os alcades das comarcas do Condado e da Louriña solicitaron por escrito xuntanzas coa Xunta para coñecer de primeira man o estado das negociacións, reunións que nunca se chegaron a celebrar. “Non entendemos por que incumpren o seu compromiso de maternos informados sobre as xestións que supostamente levan a cabo para garantir a supervivencia dunha empresa que consideramos viábel co actual cadro de persoal e da que dependen centos de familias da zona sur da provincia de Pontevedra”.