A Xunta, obrigada por sentenza a conceder á forGA a totalidade dunha subvención denegada en 2014
A Xunta remitiu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a resolución pola que concede á forGA a totalidade da subvención que a entidade solicitara no ano 2014, ao abeiro das axudas para a contratación de persoal técnico dedicado á realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego.
O cumprimento adiado da Xunta de Galiza realízase en execución da sentenza que a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG ditou tras a demanda interposta pola forGA, por trato discriminatorio na concesión das axudas do plan IOBE e que obrigou a goberno galego a reavaliar todas as solicitudes presentadas.
A resolución da Consellaría de Traballo, impugnada no 2014 pola forGA, acordaba a concesión de parte dunha subvención, 80.000€, demandada pola fundación para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego (IOBE), mais desestimaba a maioría do importe da subvención, 160.000 €, destinados a formalizar e renovar as contratacións propostas pola forGA para técnicos/as de orientación laboral.
Hai que subliñar que os plans IOBE destínanse ao mantemento e contratación de persoal técnico para realizar as tarefas de información e orientación laboral, sendo as propias entidades solicitantes as que propoñen á Consellaría o número de persoal necesario.
Así, no exercicio 2014, a Fundación para a Orientación profesional, Emprego e Formación en Galiza solicitara 14 técnicos/as de orientación por 12 meses (6 a 100% de xornada e 8 a 50% de xornada) e 2 prospectores por 12 meses ao 100% de xornada. Porén, a Xunta só lle concedera unha axuda para a contratación e/ou renovación de 6 técnicos/as de orientación por 12 meses (2 ao 100% e 4 ao 50%), impedindo manter con normalidade a actividade desenvolvida pola Fundación. E o anterior, malia que a forGA obtivo practicamente a mesma puntuación que outras entidades de características similares, ás que lle foron concedidas axudas por importes moi superiores.
Esta non é a primeira ocasión na que a forGA sufre un trato discriminatorio e arbitrario por parte a Xunta de Galiza na concesión dos diversos programas formativos. De feito, hai uns meses, o TSXG ordenaba a execución forzosa doutra sentenza gañada pola forGA a respecto da concesión das subvencións do ano 2009 do mesmo plano IOBE e aínda hoxe está pendente de executarse unha terceira sentenza, relativa ao IOBE 2013.
É revelador que este tipo de actuacións do Goberno galego sempre peten contra o mesmo lado: o das entidades que fan parte do sindicalismo nacionalista.