A Xunta, condenada a readmitir un traballador por vulnerar os seus dereitos fundamentais
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza pola que declara nulo o despedimento dun traballador da Consellaría do Medio Rural en Lugo, ao entender que se vulneraron os seus dereitos fundamentais e que a decisión "é unha clara consecuencia de ter presentado dúas demandas, pouco tempo antes do cese, contra a Administración".
Dende a CIG de Lugo-A Mariña explican que o traballador afectado viña prestando servizos para a Consellería do Medio Rural no laboratorio de sanidade animal de Lugo dende o ano 2006, e foi despedido en novembro de 2017, cando lle comunicaron a extinción do contrato de interinidade.
A Xunta tomou "medidas de represalia"
Inicialmente, o despedimento foi declarado improcedente e a xustiza condenou a Xunta a indemnizar o traballador coa cantidade de 28.000€. Porén, a CIG presentou recurso de suplicación no TSXG, que agora vén de declarar a nulidade da medida, aceptando as alegacións feitas "e deixando ben claro que se vulneraron os seus dereitos fundamentais", incide o secretario comarcal, Antonio Niño.
Arguméntase na resolución que se vulnera o dereito de tutela xudicial efectiva cando a causa do despedimento é a represalia contra a persoa que leva a cabo o exercicio dunha acción xudicial, e considera probado tamén que se vulnera a garantía de indemnidade, xa que se adoptaron medidas de represalia derivadas das actuacións do traballador encamiñadas a obter a tutela dos seus dereitos.
Como consecuencia do fallo da sentenza, que xa é firme, o traballador ten que ser readmitido e a Xunta deberá abonarlle os salarios dende o momento do despedimento até a súa reincorporación, "polo que lle terá un custe de arredor dos 30.000€".
Máis casos nese centro de traballo
Niño engade que este non é o único caso que se deu nas mesmas circunstancias nese centro de traballo, "xa que hai pendente algún xuízo idéntico". "Para a CIG é gravísimo que a Xunta de Galiza sexa condenada por vulneración de dereitos fundamentais dun traballador, cando debería ser exemplo de respecto e de garantir o cumprimento da legalidade nas súas relacións laborais", asevera.
Os anteriores feitos serán denunciados na Inspección de Traballo "para que determine se procede a apertura de acta de infracción polos feitos declarados probados".