A Xunta non actuará contra XEAL escusándose no "descoñecemento da situación", malia as advertencias do comité
Como en xoves anteriores, cada 15 días, o persoal de XEAL tiña convocada manifestación desde o edificio administrativo da Xunta até Augas de Galiza. Porén desta volta unha representación do comité, xunto co propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril, eran recibidos polos Secretarios Xerais de Industria, de Traballo e de Infraestruturas. Unha xuntanza na que non obtiveron resposta algunha as súas demandas, porque a administración “descoñece a situación”.
“Saímos totalmente defraudados”, aseguraba ao remate da reunión, e antes de comezar a manifestación, o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo. “Non atenderon as nosas peticións, que eran moi sinxelas: hai un proxecto de estación de bombeo no monte da Ruña, no concello de Mazaricos, que é unha nova central que pretende montar a nosa empresa e nós dicimos que non se lle pode dar unha concesión máis cando están incumprindo as actuais”, explicaba.
O máis grave é que os representantes da Xunta de Galiza aseguraron, segundo Mouzo, que “a Xunta non ten constancia, nin coñecemento de que se estean a incumprir as concesións”. Unha resposta que anoxou aos membros do comité e ao conxunto do persoal e diante da que o presidente do comité respondeu que “se non teñen constancia, que veñan á Costa da Morte e miren se están os fornos en marcha ou non; que miren o emprego que había en 2019 e o que hai agora. É tan sinxelo como iso”.
Apertura de expediente
Mouzo lembrou ademais que o persoal de XEAL leva tempo mobilizándose e denunciando que os fornos están parados, a actividade industrial vai a menos e pérdense postos de traballo. “Desde que chegou a nova empresa levamos 30 empregos menos de fixos de cadro de persoal, 80 eventuais menos e a actividade industrial está baixo mínimos. Só hai un forno en marcha de 5 e a fábrica de Cee está totalmente parada. Non, non poden consentir dar unha soa concesión máis”.
Por iso reiterou a demanda de que se abra expediente á empresa porque “non pode ser que este fondo voitre americano que leva os cartos caídos do ceo do aproveitamento dos nosos recursos naturais, veña aquí a lucrarse e a Xunta, tendo competencias plenas tanto en Augas como en Industria siga mirando para outro lado e mentres, a empresa, sentíndose impune pola inoperancia e ineptitude da propia Xunta de Galiza”.
Isto ademais de que a empresa nin sequera está a respectar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 2020, que acredita que a empresa ten a concesión de explotacións hidráulicas ligadas á fabricación de ferroaliaxes nas fábricas e recolle que “os terreos foron expropiados de maneira forzosa nunha comarca deprimida para facer actividade nas fábricas de Cee e Dumbría”.
Demanda dun novo convenio colectivo
O presidente do comité reclamou ademais a negociación do convenio colectivo, que decaeu a principios deste ano por non ter ultraactividade por mor da reforma laboral e se lles está a aplicar o convenio de siderometalúrxica. Isto xunto coa demanda dun Plan Industrial co que se garanta o mantemento da actividade industrial e do cadro de persoal.
Diante desta situación, Alfonso Mouzo asegurou que continuarán as mobilizacións como cada xoves desde diante da Xunta cara Augas de Galiza e o xoves seguinte na fábrica en Cee. O comité ten ademais convocada unha folga de 24 horas para o 17 de novembro e “non imos parar até que se atendan as nosas reivindicacións, que cremos que son de total xustiza”.