A Xunta nega información nos órganos de representación que despois publica na prensa amiga
A CIG-Saúde denuncia o desprezo absoluto que a Xunta de Galiza está amosando na xestión da crise sanitaria polos órganos de representación legalmente constituídos e a total hipocrisía coa que actúa o PP cando se trata de ofrecer a información que con insistente indignación reclama ao Estado.
En dúas reunións do comité central de Saúde Laboral e na reunión da Mesa Sectorial, a CIG-Saúde solicitou coñecer a composición da Comisión Clínica de Expertas/os que asesoran á Administración galega nas cuestións relacionadas coa pandemia da Covid19. Información que a tal momento aínda non foi facilitada a estes organismos.
"Non tivemos ningunha resposta até o día de hoxe, pero para a nosa sorpresa hoxe coñecemos a través de La Voz de Galicia a composición da Comisión con nome, apelidos, categoría profesional e centro de traballo", sinala a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Desprezo da Xunta polos órganos de representación
Para central sindical esta actuación evidencia o desprezo da Xunta de Feixoo polas normas legais de funcionamento e a total falta de respecto no dereito á información que teñen os órganos de representación, aos que se lle nega unha documentación que despois sae publicada como primicia en determinados medios 'amigos'.
A CIG-Saúde critica este proceder e insta ao Goberno galego a actuar con transparencia na súa xestión. "Ou cando menos, engade Abuín con sorna, como as organizacións sindicais non temos obriga de ler ese xornal, que nos envíen o seu dossier de prensa cada día".