A Xunta modifica a lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022
A CIG-Administración Autonómica denuncia que Función Pública, en lugar de sentar a negociar coas organizacións sindicais, previa aprobación no Parlamento das leis que afectan ao persoal empregado público, aproveitou a Lei de Orzamentos para modificar a Lei de Emprego Público e os orzamentos en materia de persoal para 2022.
A CIG-Administración Autonómica considera unha falta de respecto a todas as traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza o acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro. “Non nos deron documentación ningunha. Soltaron uns poucos datos xerais, sen diferenciar nin sectores, nin consellerías, nin moito menos partidas orzamentarias” denuncia a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, que engade que “de seguro que serán máis completos no telexornal da RTVG”.
Os Orzamentos para 2022
Así pois, a esta altura o único que saben é que se aplicará a suba salarial do 2% que marca o goberno do Estado, pero non contempla nin a recuperación do poder adquisitivo perdido na Galiza, nin do complemento específico nas pagas extras; nin do Fondo de Acción Social; nin a recuperación das compensacións e dereitos do V Convenio; nin a recuperación de emprego público.
Respecto do graos extraordinarios 1 e 2 da carreira profesional, “parece que si, pero non se sabe canto, nin onde, nin para cantos”. Canto ao orzamento para pasar ao persoal de incendios de 9 a 12 meses “unha bolsa” que Burgos cualifica de “caixón de xastre dos orzamentos”. E tamén é unha incógnita o orzamento para as “primas” do persoal escollido para os Fondos de Recuperación e Resiliencia (FRR).
A responsable do sector sinala que o que venderon foi o orzamento en materia de persoal, que aumenta nun 4,25 % a pesar de que xa non teñen os fondos extraordinarios da Covid, que pasa de 4.123 a 4.327 millóns de euros, pola suba do 2% do goberno do Estado español.
Taxa de reposición
Burgos sinala ademais que “din que queren que se derrogue a taxa de reposición -esquecen que foron eles quen a impuxeron e defenderon sempre- pero que o goberno non llo aceptou” e denuncia que “se venden como os defensores do público, pero o que fan é agochar a súa incompetencia, acusando de todos os males ao goberno do Estado mentras non asumen a súa propia responsabilidade no cumprimento das OEP que eles mesmos aproban”.
Engade a isto que trasladaron ademais que van cumprir o Acordo do Consorcio e que van pagar o último tramo salarial da equiparación co V Convenio.
As modificacións da Lei de Emprego Público
A CIG-Administración Autonómica denuncia o costume da Xunta de empregar a lei de medidas “tanto para recortar dereitos, como no 2012, como para impoñer modificacións á lei de emprego público de Galiza”, que se poden consultar aquí. Entre as máis salientábeis sinala:
- Modifica a definición do persoal funcionario interinopara adaptarse ao RDL 14/2021, cunha redacción ambigua que cuestionan. “Queremos que se inclúa e aclare o dereito á carreira profesional para todo o persoal”.
- Elimina a porcentaxe reservada para a promoción interna nos procesos de consolidación e estabilización. “Opoñémonos, e esiximos que se aplique para todos os procesos o 50% xa que non computa na taxa de reposición. Queremos que as prazas que queden desertas se acumulen para a seguinte convocatoria de PI”.
- Amplía o tempo de comisión de servizo do artigo 100(traslado voluntario en sectores prioritarios), de 6 meses a 1 ano con outro de prórroga. “Unha barbaridade que pretenden xustificar coa xestión dos fondos de recuperación e resiliencia. Sabemos que na práctica son comisións opacas e que coa funcionarización poden xeralizarse ao ter máis persoal nestes sectores. Que modifiquen ás RPT, convoquen concursos de traslados e se deixen de chanchullos”.
- Sancionan a fraude no procesos selectivos (para empregadas e aspirantes): o copiar de toda a vida sanciónano con 2 anos e, se é por medios dixitais, con 5 anos sen poder presentarse a un proceso selectivo. “Un manto co que Función Pública pretende tapar o escándalo do segundo exame do subgrupo C2 e da consolidación da categoría IV-1”.
- Crean as escalas de enxeñería química e aeronáutica, e na escala de ciencias as especialidades de matemáticas e física.As primeiras para atender o polígono de Rozas e as segundas só indican que é por petición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
- Engaden unha nova tarefa ao persoal da escala de gardas de recursos naturais sen tela negociado previamente. “Claro, agora non podemos ir a denunciar por incumprir o Convenio porque o fan na escala coa funcionarización avanzada: Con cantos cambios de funcións máis nos imos atopar nesta funcionarización chapuza?”, pregúntase Burgos
- Entran nunha serie de cambios para permitir a funcionarización deseñada no Acordo de Concertación cos que nin os asinantes están de acordo: a novacion do contrato do persoal laboral temporal e indefinido non fixo en persoal funcionario interino. “O que trae agora a novación ademais da perda de dereitos indemnizatorios por despedimento é a permanencia máxima de tres anos como persoal funcionario interino, segundo recolle o RDL 14/2021. Precarizan ainda máis as 5000 compañeiras laborais temporais da Xunta”.
- Manteñen para o 2022 as medidas especiais da Covid para garantir a contratacióndo persoal sanitario das residencias. Por exemplo, “poderán tirar do Servizo Público de Emprego antes que despenalizar as listas, exclúen a esixencia do coñecemento do galego ou incluso poden tirar de persoal para a categoria de auxiliar de clínica que cursou estudos pero que aínda non ten a titulación. Manter esta excepcionalidade porque non hai xente nas listas denota que non se están a facer as cousas ben na xestión do persoal: sobrecarga de traballo, poucos descansos e inseguridade xurídica por falta de persoal e instrucións temerarias das direccións dos centros, na maior parte residencias de Política Social”.
- Derrogan as medidas que modificaban a lei de igualdade; eliminacion do período da toma de posesión do persoal eventual ou o traslado das mulleres vítimas da violencia machista e medidas para as vítimas do terrorismo, unicamente para adaptarse a lei básica, claro.