A Xunta mantén o total abandono do Hospital comarcal de Monforte no proxecto de orzamentos

A CIG-Saúde reclama unha rectificación inmediata para incluír partidas para resolver deficiencias estruturais, renovar equipamento obsoleto e frear a perda progresiva de servizos e especialistas
Monforte - 22 Out 2026

A CIG-Saúde rexeita de xeito taxante o abandono deliberado no que a Xunta de Galiza  mantén o Hospital Comarcal de Monforte nos seus proxectos orzamentarios. A pesar do constante incremento do gasto sanitario anunciado polo Executivo autonómico a nivel xeral, as partidas destinadas a investimentos directos e infraestruturas prioritarias no centro hospitalario monfortino “brillan pola súa ausencia” e volve ser o gran esquecido da provincia de Lugo.

Subliña que mentres outras infraestruturas sanitarias da área reciben inxeccións millonarias para ampliacións ou plans directores, a comarca de Lemos atópase un ano máis cunha asignación inexistente para resolver deficiencias estruturais, renovar equipamento obsoleto e frear a perda progresiva de servizos e especialistas.

“É inaceptábel que a Xunta presuma de orzamentos récord en sanidade mentres os veciños e veciñas de Monforte e de toda a comarca sofren demoras, falta de persoal e instalacións golpeadas pola falta de mantemento básico”, asevera a CIG-Saúde de Monforte. Considera que o nulo investimento proxectado demostra que para o Goberno galego a sanidade da zona sur de Lugo “é de segunda categoría”.

Ante esta situación, a CIG esixe á Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade unha rectificación inmediata a través do trámite de emendas parlamentarias para incluír:

  1. Unha partida orzamentaria específica e finalista destinada á reforma integral e modernización das áreas prioritarias do Hospital de Monforte.
  2. A elaboración e implantación urxente dun Plan Director real axustado ás necesidades demográficas e sanitarias da comarca.
  3. Un plan extraordinario para o reforzo e estabilización do persoal sanitario.

“Non imos permitir que se consume este novo desprezo a Monforte. Esiximos feitos, partidas concretas no DOG e compromisos reais, non promesas baleiras que nunca se traducen en melloras para os e as pacientes”.