A Xunta non implanta medidas ante a crise para o seu persoal: nin 35 horas, nin aumento do teletraballo
Mentres a guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz agravan a crise enerxética e a carestía da vida, a Xunta segue sen adoptar medidas que reduzan os desprazamentos do seu persoal, polo que dende o sector de Autonómica da CIG-Administración Pública reclaman actuacións inmediatas para reducir custos, desprazamentos e consumo enerxético.
A escalada da crise enerxética e da carestía da vida, agravada pola guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz, está a ter un impacto directo nos custos da enerxía e dos desprazamentos. Neste contexto, empresas e diferentes administracións están a adoptar medidas para reducir o consumo e a mobilidade, mentres a Xunta de Galiza segue sen activar ningunha iniciativa específica para o seu persoal.
Dende a CIG-Autonómica xa advertiran de que a situación actual non permite a inacción. O encarecemento da enerxía e dos desprazamentos está a afectar a toda a sociedade, mais tamén ao persoal público, “e entre todos e todas temos que facer un esforzo para baixar o consumo enerxético ante o agravamento da crise. A Xunta ten a responsabilidade de actuar para mitigar este impacto”.
A implantación das 35 horas é unha decisión que depende da propia Administración autonómica e permitiría reducir desprazamentos de tarde e o consumo enerxético en moitos centros de traballo. Do mesmo xeito, a ampliación do teletraballo, que a central sindical solicitou formalmente hai máis dunha semana e da que non obtivo resposta, “é unha medida inmediata e eficaz nun contexto extraordinario coma este”.
A isto súmase a ausencia dun plan de mobilidade para máis de 30.000 persoas empregadas públicas da Administración xeral, incluíndo os entes instrumentais, unha ferramenta esencial que as administracións deben impulsar para reducir desprazamentos, custos e impacto ambiental. E neste plan tamén debera estar incluído o concurso de traslados permanente, para permitir o achegamento. Porén, a Xunta continúa a facer oídos xordos, sen planificación nin medidas, nun momento no que actuar é unha responsabilidade ineludíbel para minimizar os efectos da crise enerxética e da carestía da vida.
Na CIG-Autonómica insisten a Xunta debe de actuar xa con medidas concretas como as que a centra leva tempo esixindo -implantación das 35 horas, ampliación do teletraballo e elaboración dun plan de mobilidade con concurso permanente- para facer fronte á crise enerxética e á carestía da vida.