A Xunta evita eliminar a taxa de reposición e recuperar dereitos nos orzamentos de 2021

A CIG denuncia que as contas públicas non buscan aumentar nin consolidar persoal
Nacional - 19 Nov 2020

A Xunta presentou na Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as celebrada hoxe o apartado da Lei de Orzamentos que afecta ás retribucións de todo o persoal da Administración pública galega. Tras a reunión, a CIG criticou que o Goberno galego non aproveite as contas públicas de 2021 para eliminar a taxa de reposición e recuperar dereitos recortados e denunciou que non se aumentan nin se consolidan os cadros de persoal.

Dende a central sinalan que na xuntanza non se produciu ningún tipo de negociación xa que o texto foi remitido por Función Pública ás nove da noite do día anterior, “nunha nova demostración da incapacidade negociadora da Xunta”. Na exposición feita pola subdirectora xeral de Orzamentos, sen achegar ningún soporte documental, só se indicou que a masa salarial no capitulo de persoal se elevaría nun baile de cifras entre o 6,93% e o 2,03 %, no que parece que finalmente o primeiro é global e o segundo dato se corresponde co gasto extraordinario pola covid. 

Ten que  establecerse a non existencia de taxa de reposición para rematar coas graves carencias de persoal da Xunta

O incremento global incluiría os fondos destinados a cubrir o incremento salarial do 0,9%, a responder a acordos anteriores como a carreira profesional e aos acordos en vigor. Tamén se fixo referencia a un incremento de postos de traballo, que malia ser preguntada directamente pola CIG, non chegou a concretar. En todo caso, todo parece indicar que ese incremento sería exclusivamente accidental para afrontar a situación da covid, “polo que non estamos diante duns orzamentos que busquen aumentar e consolidar os cadros de persoal”.

Un dos elementos nos que a CIG centrou a súa intervención foi na necesidade de que o Goberno galego se involucre especialmente na eliminación da taxa de reposición. “Hai un mandato do Parlamento que a Xunta debe cumprir; debe de facer toda a presión política e institucional que sexa necesaria; consideramos que se debe de establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta”.

Porén, o Goberno galego pretendeu descargar a responsabilidade de eliminar a taxa de reposición nas propias organizacións sindicais, chegando a afirmar que nada poden facer para eliminala e que debemos ser as organizacións sindicais as que “presionen ao Goberno do Estado para que cambie esta norma básica”. Para a CIG esa afirmación constata un total abandono das súas funcións. “Chama a atención que a Xunta poña un énfase especial en ir á contra do Goberno español en determinadas temas e que, non obstante, non exerza coa mesma contundencia o seu papel institucional para reverter os límites que para o exercicio da súas competencias en materia de persoal lle marcan desde Madrid”.

Plan para negociar a débeda salarial

Para a CIG segue sendo necesario un plan para negociar a débeda salarial contraída pola Xunta cos recortes salariais, especialmente no complemento específico ou equivalente en anos atrás, sendo a Xunta unha das Administracións que impuxo os maiores recortes en todo o Estado entre os anos 2013 e 2017. 

A CIG critica que a Xunta siga a limitar a contratación de persoal interino e temporal só a determinados ámbitos como educación, sanidade ou servizos sociais

Acentral tamén fixo especial fincapé en estender a carreira profesional cos mesmos dereitos dende o 1 de xaneiro de 2019 a todo o persoal da Aministración xeral excluído do acordo asinado por algúns sindicatos e a Consellaría de Facenda (persoal interino, laboral e do Consorcio Galego).

Mantivo ademais a necesidade de recuperación do Fondo de Acción Social, cuxa práctica anulación (hoxe en día reducida á axuda á discapacidade).

A CIG tamén criticou que a Xunta siga a limitar a contratación de persoal interino e temporal a determinados ámbitos (educación, sanidade, servizos sociais…). “Consideramos que se deben eliminar estas limitacións e que se poidan realizar contratacións de persoal temporal e interino sexa para postos vacantes, como para substitucións transitorias en todos os ámbitos da Xunta”.

Finalmente, indicaron que un ano máis, e con este serán xa 10 orzamentos, a Xunta mantén bloqueado o pagamento do verán ao profesorado substituto que traballou cinco meses e medio. “É un dereito arrebatado no 2012 e que instamos a que se elimine dos orzamentos, porque nunca se debeu ter eliminado e porque nun momento como o actual parece un desprezo escoitar aos responsábeis da Xunta como agradecen o esforzo do profesorado e ao tempo como non se lexisla para que recuperen un dereito arrebatado quen está nunha situación máis precaria coa sucesión de contratos durante o curso”.