A Xunta 'esquece' vacinar o persoal dos Centros de Menores malia estar incluídos no grupo 3
A representación legal de CIG, CCOO e UGT dos traballadores e das traballadoras dos Centros de Menores de Galiza, presentou esta mañá sendas denuncias ante a Consellaría de Política Social e a Dirección Xeral de Saúde Pública para demandar que de inmediato comece o proceso de vacinación fronte ao SARS-Cov-2 de todo o persoal destes centros.
Cómpre lembrar que a Xunta estableceu un Plan Galego de Vacinación ditado ao amparo da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, da Lei 33/2011, do 4 de Outubro, Xeral de Saúde Pública e da orde da Consellería de Sanidade de 11 de maio de 2018, pola que se regula a realización das vacinacións no sistema sanitario público de Galiza, co obxectivo principal de reducir a morbilidade e mortalidade causada por esta enfermidade, protexendo especialmente a aqueles grupos de poboación con maior vulnerabilidade.
A administracións non ofrece explicacións
Dentro desta estratexia de vacinación, explican, os Centros de Menores figuran no grupo 3 (outro persoal de ámbito sanitario) e concretamente no apartado 3B, "pero sorprendentemente son esquecidos e saltados, e a día de hoxe aínda non se comezou a chamar o persoal, malia que xa se está a administrar a vacina a outros grupos posteriores". Critican que cando os delegados e as delegadas se dirixiron a Política Social para coñecer os motivos deste "esquecemento" non obtiveron ningún tipo explicación ou xustificación ao respecto.
"Comprendemos que as doses da vacina dispoñíbeis son limitadas, mais non concibimos que dentro das etapas de vacinación non se respecten as prioridades dos grupos de poboación de vulnerabilidade, risco de padecer unha enfermidade pola Covid-19 ou do risco de transmisión, que a propia administración recolle no seu plan de vacinación", subliñan.
A este respecto, engaden que, polas delicadas características intrínsecas deste tipo de centros e debido ao alto nivel de convivencia no seu labor profesional (mesmo nos períodos de corentena máis estrita), así como pola protección e estabilidade dos e das menores ao seu cargo, "non se atopa explicación á lixeireza e abandono co que a administración pública está a xestionar o acontecido neste sector".
Por iso, fan un chamamento ao cumprimento da normativa publicada e que rexe as prioridades dos grupos de vacinación, "dando comezo de forma urxente as citacións do persoal deste tipo de centros".