A Xunta, en sintonía con XEAL, confirma o abandono total do persoal das fábricas e da comarca
No día de onte, o comité de XEAL mantivo unha reunión coa conselleira de Industria e co director de Augas de Galiza para tratar a actual situación da empresa ante a baixada drástica do cadro de persoal e a solicitude dunha central de bombeo no monte da Ruña (Concello de Mazaricos).
A sección sindical da CIG saíu desa reunión "con moitas máis preocupacións que cando entramos, e máis se cabe despois de ler o comunicado de prensa emitido pola Xunta no que se di que a administración segue estando vixilante". Ante esta afirmación, a representación da CIG pregúntase que é o que vixía o Goberno galego "cando a empresa está a todas luces incumprindo as cláusulas concesionais e as dúas sentenzas firmes".
Valoran que a reunión só serviu para confirmar "a mofa que a Xunta fai dos traballadores e das traballadoras e da comarca enteira, en sintonía co maltrato e a incerteza permanente á que nos somete a empresa".
A este respecto, advirten que no caso da Xunta autorizar a concesión desta central reversíbel na Ruña "será unha decisión política que deixará definitivamente segregada a actividade hidráulica e industrial". Lembran que para sortear as cláusulas de vinculación de actividades -principal garantía para o mantemento dos postos de traballo e da produción industrial- a solicitude administrativa "presentouse cun CIF distinto ao da nosa empresa, xa que se fixo a nome do fondo Feroe Ventures & Investments, que non está suxeito ás obrigas concesionais".
Fronte a isto, a sección sindical da CIG segue a reclamar que se poña en marcha un procedemento administrativo como o do ano 1992 e que se revisen os termos das concesións, de xeito que quede estipulado tanto o que é a actividade industrial como o número de traballadores e traballadores, en base a sentenza firme do TSXG de novembro de 2020.
Ademais, consideran indignante o comunicado da Consellaría "cando dende a operación de maquila do ano 2019 se teñen destruído 70 postos de traballo directos e arredor duns cen indirectos e as fábricas están ao 20% da súa capacidade real de produción".
Durante a reunión, os delegados da CIG tamén lle preguntaron a conselleira Lorenzana pola Lei de recursos naturais que está en tramitación, que segundo palabras do Goberno galego ten o obxectivo de fomentar os beneficios sociais e económicos dos proxectos empresariais que explotan os nosos recursos naturais. Porén, a resposta foi que "neste caso, ao proxecto non lle afectaría a futura lei. Preguntámonos entón onde están os supostos beneficios sociais que traerá esa lei".