A Xunta e os sindicatos CSIF, CCOO e UGT intentan limitar o dereito ao voto do funcionariado ourensán
O sector de Autonómica da federación de Administración da CIG denuncia que a Xunta e os sindicatos CSIF, CCOO e UGT pretenden limitar o dereito ao voto dos funcionarios/as de Ourense, xa que ao non preverse meses fixas nin itinerantes en varias localidades da provincia máis de 1400 traballadores/as públicos terán que desprazarse para poder escoller os seus representantes.
Segundo explican dende a central, para as eleccións do vindeiro 11 de abril nas que se elixirán os delegados/as da Xunta de Persoal Funcionario na provincia de Ourense non se prevén mesas fixas nin itinerantes, deixando por exemplo a Viana, O Barco de Valdeorras, Verín, Bande ou O Carballiño sen sequera unha mesa. Como consecuencia, máis de 1400 funcionarios/as repartidos/as en máis de 150 centros de traballo na provincia terán que desprazarse á cidade de Ourense para poder votar.
Trátase dun atropelo e dunha práctica absolutamente antidemocrática
“Calquera empresa que teña centros espallados pola provincia aporta ao menos un medio de transporte con furna (mesas itinerantes) para facilitar o voto dos seus traballadores/as; así mesmo, nos procesos electorais de persoal funcionario da Xunta, tanto en Servizos Centrais en Santiago de Compostela como nas Xuntas de Persoal de Lugo, Pontevedra e Coruña, teñen mesas repartidas polos centros máis grandes e mesas itinerantes, facilitando, deste xeito, a participación do persoal empregado público”, sinalan.
Práctica antidemocrática
Diante disto, denuncian que a provincia de Ourense é a única de Galiza onde non hai nin mesas itinerantes nin fixas nas grandes localidades, “limitando gravemente o dereito fundamental dos empregados/as públicos/as na elección dos seus representantes lexítimos”.
Finalmente, consideran que o que está a acontecer é “un atropelo e unha práctica absolutamente antidemocrática” impulsada polas organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT “en conivencia” coa Xunta do PP, “o que supón un auténtico desprezo aos traballadores/as espallados/as polos centros da provincia”.