A Xunta e o Consorcio suprimen as horas de programación e titorías nas escolas infantís
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar a decisión da Xunta e máis do Consorcio de suprimir as horas de programación e titorías de escolas infantís. A medida, que cualifica de “novo atentado contra os servizos públicos” afecta á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, xuntanzas coas familias, preparar os materiais e avaliacións dos resultados é vital para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.
A CIG-Administración Autonómica considera que eliminar estas actividades de máxima importancia na educación “converte un servizo publico integral e educativo nun servizo asistencial de menor calidade”. Neste sentido, pregúntase “en que se vai diferenciar unha escola infantil da Xunta dunha gardería” e apunta que se van converter nun sitio “onde aparcar as crianzas na vez de ter un tempo de desenvolvemento educativo propio e adaptado á súa idade e a cada cativo/a”.
A intención da Xunta é clara, “deteriorar os servizos públicos para evitar as diferencias cualitativas cos privados e así desmantelar pouco a pouco a xestión 100% publica e de calidade”, denuncian. Isto únese a que “cada escola pública nova que se abre se fai con xestión privada”, afirman.
Incumprimento da legalidade
As tarefas eliminadas pola Xunta e o Consorcio de Igualdade e Benestar de programación e atención educativa están recollidas na lexislación de aplicación (Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia; Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil).
Até o de agora, case un 6% da xornada laboral non era de atención directa ás crianzas e se ocupaba para elaborar programacións, atender as familias, avaliar, deseñar ambientes de aprendizaxe, preparar materiais... tal como recolle o Regulamento de Réxime Interior das escolas infantís. Pero nestes momentos se as traballadoras queren manter a calidade do servizo terán que facelo no tempo libre, na casa ou no centro despois da xornada laboral. “As instrucións da Dirección da Axencia e Xerencia do Consorcio son claras, nada de proxecto educativo, solo tempo de atención directa asistencial dentro da xornada laboral”, explica a CIG-Administración Autonómica.
Lembran que o empeño da Xunta de Galiza de acabar co proxecto educativo das escolas infantís vén de lonxe e até de agora pouco a pouco, de vagar para que non se note tanto. Primeiro acabou cos tempos de programación nas escolas infantís da Axencia. Coas escolas infantís do Consorcio comezou retirando os tempos e a oferta de formación do persoal no 2017, que preparaba profesionais na vangarda na atención educativa as crianzas.
Subliñan que hai menos de un ano, en abril de 2023, retiraron a páxina escolasinfantisdegalicia.net, que conectaba a todas as escolas da rede. “Era una ferramenta imprescindible para o traballo colaborativo dos centros. Os blogues permitían ás escolas o traballo en equipo do profesorado, o traballo colaborativo entre escolas, o intercambio de información coas familias, potenciaba a relación familia/escola, favorecía a reflexión pedagóxica e a avaliación do traballo desenvolvido... A páxina, ademais, aloxaba outros contidos de moito interese para a formación do persoal, como artigos de análise e innovación pedagóxica”.
Igualan á baixa os servizos públicos coa privada
O persoal denuncia que a Xunta o que pretende é “igualarnos á baixa aos servizos públicos coa oferta privada como primeiro paso a venda e desmantelamento dos servizo públicos, e para que se escolla a privada antes a publica unha vez ambas son gratuítas, a única forma e igualalas pola baixa”.
As traballadores das escolas infantís publicas están en pe de guerra contra o deterioro do servizo e se suceden cartas de queixa. Non lles deixan facer o seu traballo como profesionais educativas. Coa CIG denuncian esta situación e lembran que “a sociedade galega non pode ir un paso atrás e permitir máis deterioro dos servizos públicos. As nosas cativas merecen unha atención integral neste tramo educativo. Non podemos limitarnos a gardar nenos e nenas e que acaben co proxecto educativo público das escolas infantís”.