A Xunta e o comité de Xustiza reuniranse o próximo luns, cando se cumpran 41 días da folga indefinida
Comité de folga e Xunta volverán á mesa de negociación o vindeiro luns 19 de marzo, data na que se cumprirán 41 días do inicio da folga indefinida na administración de Xustiza. Para o sector de Xustiza da CIG que a Consellaría dilatara durante unha semana a concreción da data da reunión responde a un intento de castigar ao persoal en folga.
O secretario de CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez, reitera que o comité de folga acudirá á xuntanza con toda a disposición de chegar a acordos "como sempre fixemos", mais a representación social está a expectativa de "comprobar con que actitude acude a Xunta a esa reunión ". Neste senso, adiantou que "pola nosa parte, acudiremos con talento negociador respectando o mandato das asembleas de traballadores/as de non movernos, no referido á cuestión económica, da demanda de suba de 190€".
Pero non é a cuestión salarial a única nin a principal na plataforma reivindicativa. De feito, o comité esixirá na xuntanza do luns o peche, dunha vez, dos documentos de acordo nos outros catro puntos reclamados: ITs, substitucións, amortizacións e consolidación de prazas. "A Xunta insiste nos medios de comunicación que están pechados, pero non é así. Demandamos acordos nestes puntos e logo seguir coa cuestión económica", matiza Sánchez.
No relativo ás substitucións (pídese percibir o 100% das retribucións nas substitucións verticais), na última xuntanza non se avanzou nada, xa que a Xunta leva meses á espera de recibir un informe que parece non dar chegado. No tema dos descontos por enfermidade común, a parte social reclama que se modifique o decreto de 2013 e "equipararnos ás condicións que ten o resto do persoal de Xustiza a quen xa non lle aplican as penalizacións por IT".
Xunto a isto, a plataforma sindical demanda a retirada do plan de amortizacións de 106 prazas aplicado en 2013, "para o que a Consellaría de Xustiza non ten autorización", e que se consoliden as prazas de reforzo de máis de tres anos, "pois entendemos que estas son estruturais e non conxunturais como asegura a administración. Neste punto, a Xunta di que hai case un acordo pero descoñecemos que prazas e cando se van consolidar, nin como se vai dar marcha atrás nas amortizacións", aclara Xesús Sánchez.
O secretario da CIG-Xustiza subliñou que, a pesar dos 38 días en folga (máis tres xornadas previas) os traballadores e as traballadoras manteñen o ánimo firme para continuar coa folga e máis coas mobilizacións diarias. Ademais, engadiu, "o persoal está moi cabreado coa actitude tanto dos responsábeis políticos do PP como polo tratamento informativo que están realizando algúns medios deste conflito, intentando descalificar a nosa loita e tratándonos como privilexiados/as", denunciou.
As terxiversacións de Feijoo
Sánchez criticou as declaracións lanzadas onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, tentando distorsionar o conflito. "Non é certo que a oferta económica da administración supoña un incremento salarial do 13%. Pero ademais, repite estratexia pretendendo botar sobre nós a cidadanía, neste caso aproveitándose das mobilizacións do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas", denunciou.
Nun alarde de terxiversación e descaro absoluto, Feijoo aseveraba onte tras do Consello da Xunta que non pode explicarlle aos xubilados/as que as súas pensións suban só un 0.5% e ao tempo incrementar os salarios do persoal de Xustiza, segundo el, nun 13%. Esquece o presidente da Xunta que foi o PP quen no ano 2013 aprobou unha reforma das pensións que, alén de dificultar o acceso á xubilación, desvincula a revalorización das pensións do IPC e que esta mesma semana, Mariano Rajoy negouse a dar marcha atrás nestas medidas e incluso tivo a indecencia de vincular calquera mellora nesta materia á que se lle aproben os orzamentos xerais do Estado.
Entrega solidaria de alimentos
No marco das mobilizacións, o persoal de Xustiza continúa realizando accións solidarias e nesta semana leváronse a cabo recollidas de alimentos entre as traballadoras e os traballadores de Lugo, Pontevedra e Santiago, que logo entregan nos comedores sociais das súas respectivas cidades.
As imaxes desta nova pertencen, precisamente, á recollida de alimentos realizada hoxe nos xulgados de Compostela.