A Xunta desenténdese da xustiza e 'pasa' de sentar a negociar co comité de folga
A Xunta de Galiza volveu ofrecer unha nova mostra do absoluto desprezo aos traballadores e traballadoras da Consellaría de Xustiza e ao servizo público do que este persoal é parte fundamental, rexeitando a chamada do comité de folga para sentar a negociar, clarificar a suposta suba de 300€ anunciada por Rueda e procurar unha solución a unha folga que se prolonga dende hai máis de dous meses, e que xa é a máis longa rexistrada nunha administración pública.
E para recordarlle que seguen en loita, un grupo de traballadores e traballadoras realizaron esta tarde unha protesta en Ourense, coincidindo coa visita de Feijoo a esta cidade (imaxe da nova).
Disposición permanente ao diálogo
"Levamos 66 días en folga e todo fai indicar que o conflito vai seguir, pois a pesar das nosa vontade para o diálogo e dos chamamentos dende diferentes ámbitos, a Xunta négase a negociar", lamenta o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez.
A policía informounos que tiñan orde de non deixarnos entrar porque pertencemos a un colectivo que está creando conflito"
Neste senso, Óscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociacións, informou que a administración non só non compareceu hoxe na convocatoria trasladada polo comité de folga, senón que incluso se lle prohibiu o acceso ás dependencias da Xunta á representación das/os traballadoras/es. "A policía non nos deixou pasar e informounos que tiñan orde de non deixarnos entrar porque pertencemos a un colectivo que está creando conflito", denunciou Freixedo.
Diante deste bloqueo, continúa Freixedo, o comité de folga acordou, entre outras cuestións, dirixirse por escrito á Xunta pedindo que "xa que non nos deixan pasar a San Caetano, pois que nos convoquen dende a administración para seguir negociando. E se non nos contestan, rexistraremos escritos todos os días, porque nós si temos vontade real de negociar e de maneira permanente". O sindicalista fixo estas aseveracións en referencia ás declaracións reiterativas do Goberno galego nas que insiste en ter disposición a un diálogo que, como quedou hoxe demostrado, non é máis que unha pose.
Asembleas nas cidades a vindeira semana
O comité de folga acordou tamén convocar asembleas de traballadores/as en todas as cidades (agás en Compostela, onde xa tivo lugar) durante a vindeira semana, para informar do acontecido nestes días. Así, o luns haberá asemblea a cargo dos membros do comité de folga na Coruña e Ferrol, o martes en Lugo e Ourense e o mércores en Vigo e Pontevedra.
Xunto a isto estase elaborando un novo calendario de mobilizacións e accións reivindicativas a desenvolver nos próximos días.
Actitude irresponsábel da Xunta
Na procura dunha resolución ao conflito, unha delegación do persoal de xustiza viaxou esta semana a Madrid para informar por escrito ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, da situación do conflito, das demandas sociais e laborais, e trasladar a actitude antidialogante mantida pola Xunta dende o primeiro momento.
Á Xunta parece non importarlle en absoluto o prexuízo que se inflixe aos cidadás e cidadás por culpa da súa falta de vontade negociadora e da súa prepotencia"
"Solicitouse do ministro que medie no conflito, sobre todo atendendo á situación de colapso e aos atrasos que se están a producir nesta administración a causa da actitude irresponsábel do Goberno galego. Á Xunta parece non importarlle en absoluto o prexuízo que se inflixe aos cidadás e cidadás por culpa da súa falta de vontade negociadora e da súa prepotencia", aseverou Xesús Sánchez. Nesta liña, indicou que o persoal de xustiza dependente do Ministerio vai iniciar mobilizacións tamén en demanda de melloras salariais e laborais "e non nos estrañaría ver como logran que as súas reivindicacións sexan atendidas antes de que en Galiza teñamos acordo".
Nos máis de dous meses de folga, os esforzos da Xunta centráronse máis en deslexitimar socialmente as reivindicacións deste colectivo, que en buscar puntos de encontro, semellando que a única alternativa de solución que manexa a administración é o desgaste e afogar economicamente ao persoal.
As 'contas da leiteira' que non permiten recuperar o roubado
Sobre a suba de 300€ da que tanto falan Feijoo e Rueda, o responsábel de CIG-Xustiza matizou que estas contas sáenlle a Xunta sumando a proposta de incremento de entre 105€ e 133€ e a presunta suba do 8% pactada polo Ministerio de Facenda para o conxunto do persoal funcionario, aplicábel ademais a conceptos distintos do complemento autonómico transitorio. Este complemento é a parte da nómina que abona a Consellaría e sobre o que se demandan incrementos, xa que é o segundo máis baixo das comunidades con competencias transferidas.
Pero as contas do Goberno galego parecen as contas da leiteira, pois en calquera caso o incremento do CAT non se percibiría na súa totalidade até dentro de tres anos e nin que dicir das escasas posibilidades de acadar ese 8% proclamado por Montoro, tamén na perspectiva de tres anos e por enriba ligada á marcha do PIB. Cando hai un mes CCOO, UGT e CSIF asinaron ese acordo co Goberno español, a CIG xa advertiu que, alén das consecuencias de desvincular as subas salariais da evolución do IPC, como moito o incremento acumulado será do 6.12% en 2020, o que non permitirá recuperar de ningunha maneira o 13,20% de poder adquisitivo perdido nos últimos 8 anos, baixo pretexto da crise.
Entre 2013 e 2016 sufrimos un recorte dos salarios de entre 3.400 e 10.000€, segundo o corpo. O que nos ofrecen agora non garante recuperar o roubado"
En todo caso, CIG-Xustiza matiza que o incremento retributivo acordado en Madrid afecta ao conxunto do persoal das administracións, polo que os traballadores e as traballadoras de xustiza de Galiza seguirán estando na mesma situación de discriminación salarial. "En realidade coa oferta da Xunta o que teríamos para este ano sería unha suba de aproximadamente 35€ no CAT e a do 1.75% prevista para todas e todos os empregados públicos, porque até 2020 non se cobrarían as cantidades totais", denuncia Sánchez.
Reitera que estas contías non chegarían para garantir a recuperación do poder adquisitivo roubado ao persoal de xustiza a causa do recorte directo no CAT -que supuxo deixar de cobrar entre 3.400 e 10.000€ en función do corpo- e á conxelación salarial aplicada durante varios exercicios consecutivos coa escusa da crise. "Porén a reivindicación salarial que levamos na plataforma si que nos deixaría nunha posición equitativa con respecto aos compañeiros e compañeiras de xustiza do resto do estado", aclara Sánchez.
Os outros puntos da plataforma, tamén sen solución
Pero máis alá da cuestión económica, a CIG-Xustiza lembra que a plataforma reivindicativa contempla catro puntos máis para os que a Xunta tampouco ofreceu solución: descontos por IT, cobro do 100% nas substitucións verticais (a igual traballo igual salario), marcha atrás no plan de amortización de 106 prazas e consolidación das prazas de reforzo con máis de tres anos de antigüidade.