A Xunta, denunciada perante a Inspección de Traballo por non facer as medicións de gas radon
O sector da CIG-Administración Autonómica vén de presentar unha denuncia perante a Inspección de Traballo e Seguridade Social para que obrigue á Xunta a facer unhas medicións que xa debera ter feito por si mesma ou a instancia do persoal e delegados/as de prevención. Demanda que unha vez medido, de ser preciso, faga as obras necesarias para adecuar os espazos de traballo á normativa vixente.
Varios estudos científicos relacionan o gas radon co cancro de pulmón. Algúns destes mesmo cifran nun 25% o total de casos de pulmón detrás dos que se atopa este gas. A súa emisión é especialmente alta no noso país e na comarca de Santiago de Compostela e resulta moi perigoso en sotos, semisotos, baixos e outras zonas pouco ventiladas.
A CIG-Adminstración Autonómica expuxo en reiteradas ocasións, no Comité de Seguridade e Saúde Laboral a queixa e inquietude do persoal público polos niveis de gas radón nos edificios administrativos da Xunta de Galiza nos Servizos Centrais, sobre todo nos semi sotos destes, onde normalmente se traballa en xornada ordinaria. Por iso pediuse que se mediran os niveis deste gas, xa que a comarca de Santiago é unha zona de alto risco pola morfoloxía do seu chan.
No propio Comité a CIG presentou un informe técnico da Universidade de Santiago que atopou, malia isto, coa negativa da empresa e da mutua para facer as pertinentes medicións. “O custo destas medicións, que realiza a propia universidade de Santiago oscilan entre 80€ e 230€, cantidade pola que a Xunta está poñendo en risco a saúde do seu persoal”, denuncian.
Sinalan que no Consello Galego de Relacións Laborais, organismo que depende da Xunta de Galiza e ten oficinas en Santiago de Compostela, fíxose unha medición de gas radon e tiveron que facer obras de mellora e de evacuación do gas, polos altísimos niveis de concentración.
Denuncian que se está incumprindo toda a normativa sobre esta materia, a mantenta, desde as Directivas da UE, até as normas básicas ditadas pola propia Xunta de Galiza, sobre este gas. Por iso agardan da Inspección que obrigue á Xunta a facer esas medicións e esta adopte as medidas pertinentes.