A Xunta deixa de valorar a permanencia e medidas de conciliación nos concursos de traslados do seu persoal

A administración galega elimina a puntuación pola experiencia no mesmo posto durante anos e o achegamento ao domicilio de fillos/as e persoas en situación de dependencia
Nacional - 09 Mar 2026

Nos últimos concursos de traslados, recentemente levados ás mesas de negociación e convocados (escalas de estatística, expertos/as lingüistas, educación infantil, persoal coidador, de servizos xerais, xerocultor etc.), a Xunta de Galiza suprimiu a puntuación polo tempo de permanencia no mesmo posto, un mérito consolidado durante máis de vinte anos. Para a CIG-Autonómica trátase dun recorte claro no recoñecemento da experiencia profesional “que muda as regras do xogo no medio da partida”.

Ademais, suprimiuse a puntuación por medidas de conciliación, polo que a central exixe a rectificación inmediata destes cambios e un sistema adaptado aos dereitos do persoal e advirte que “non imos permitir que este recorte se consolide nin que se estenda ao conxunto dos concursos da Administración Xeral”.

Desincentivar a especilización

O sector da Autonómica da CIG explica que a permanencia valora a estabilidade, a continuidade no desempeño, o coñecemento consolidado do posto e o compromiso co servizo público; de aí que, eliminala supoña desincentivar a especialización adquirida coa práctica diaria.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) xustifica este cambio argumentando que coa aprobación do Decreto 151/2022 (decreto de mobilidade), xérase unha desigualdade na valoración dese mérito, dependendo de se o anterior posto foi obtido por concurso de traslados ou por proceso selectivo. Porén, “se existe tal desigualdade, é responsabilidade da Xunta modificar o Decreto que ela mesma aprobou sen negociación”.

Restrición á conciliación

O cambio de criterio tamén restrinxe gravemente a conciliación ao eliminarse a puntuación por achegamento a fillos, fillas e persoas en situación de dependencia, mantendo unicamente o reagrupamento coa parella. Esta decisión deixa fóra as familias monoparentais e monomarentais e ignora situacións de separación ou dependencia.

Subliña a CIG-Autonómica que esta modificación debería ir acompañada do preceptivo informe de impacto de xénero, tal e como esixe a normativa de igualdade aplicábel á actuación da administración pública. “A supresión deste mérito ten un impacto directo nas responsabilidades de coidados, asumidas maioritariamente polas mulleres. Se non se avaliou expresamente este efecto, estariamos ante un posíbel incumprimento da obriga legal de integrar a perspectiva de xénero e evitar discriminacións indirectas”, advirten.

A escusa da Dirección Xeral de Emprego Público é que a aplicación informática, FIDES, utilizada para xestionar os concursos, non está adaptada para valorar este mérito. Neste senso, a representación da CIG lembra que a tecnoloxía debe adaptarse ás bases negociadas, “e non ao revés. Non podemos depender deste aplicativo do Sergas nin imos tragar que en 2026 non exista unha ferramenta propia e adaptada ás necesidades da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza”.