A Xunta deixa á improvisación a xestión dos incendios forestais en Galiza un ano máis
A CIG-Administración Autonómica critica a improvisación, un ano máis, da posta en marcha do operativo de loita contra o lume por parte da Xunta de Galiza. Asegura que a situación tanto do persoal e da estrutura organizativa, como dos medios do servizo de incendios (SPIF) da Xunta, está “en cueiros” esta tempada. Advirte de que xa houbo grandes incendios na primavera e denuncia que a evolución do estado bioclimático dos nosos montes, xunto cun modelo produtivo no que non se potencian as especies pirófitas, “fan máis grandes e perigosos os incendios forestais”.
Así, os típicos incendios do mes de agosto xa se están a producir agora, a primeiros de xuño. Porén, “o operativo nin está preparado para o alto risco, nin tampouco para asumir unha semana de altas temperaturas”, denuncia a CIG-Administración Autonómica. Isto púidose comprobar estes días no incendio de Salvaterra, onde se calcinaron 352 hectáreas (segundo datos da propia Xunta). No caso deste lume, a caseta do servizo estaba pechada e só había unha motobomba de noite en todo o distrito e iso que xa se anunciara a tormenta eléctrica.
Preocupante situación do persoal do servizo
Segundo a relación de postos de traballo da Consellaría, o SPIF conta cuns 2.350 traballadores/as de persoal laboral, a maioría bombeiros e bombeiras. Un 40% deses traballadores/as (unhas 950 prazas) ten un contrato precario, de apenas seis meses, e traballa sen coñecemento previo da data fixa de comezo e remate dos períodos de actividade, feito que imposibilita que poida facer compatíbel ese traballo con outro no período de inactividade, o que aboca a moitos destes traballadores/as a teren uns ingresos anuais por baixo da liña da pobreza.
Desde a CIG sinálase que o persoal do SPIF debe traballar todo o ano, dado que os incendios son cada vez máis frecuentes e perigosos, e non se poden prever para unha determinada época. Ademais diso, hai funcións de prevención e apoio a outras emerxencias que este persoal podería e debería desenvolver.
Así mesmo, o sindicato nacionalista aclara que a relación de postos de traballo existentes no SPIF non se corresponde exactamente co número de persoas que traballan, xa que numerosos postos están baleiros e non se procedeu á súa cobertura, malia seren esenciais, e mesmo tampouco se están a cubrir as baixas que se producen, polo que poden existir brigadas que se reducen a apenas 1 ou dos compoñentes, o que dá conta da vergoñenta xestión do persoal que está a facer por parte da Consellaría.
A Xunta suspende en detección temperá dos incendios e pecha casetas de vixilancia
A CIG-Administración Autonómica denuncia que se están a deixar baleiros postos de vixilancia e que se está a xogar coas prazas de emisoristas dos centros de coordinación, que non se cobren desde hai anos.
Así, a Consellaría está a destinar o persoal vixilante fixo aos distritos para cubrir os ocos nas diferentes quendas, o cal, para a CIG, constitúe un “erro fatal xa que a primeira tarefa do servizo é a detección precoz dos incendios forestais”, que se ve limitada ao non se cubriren a totalidades dos postos de vixilancia.
Postos de vixilancia que a Xunta está a substituír por cámaras, que só deberían ser complementarias do persoal que exerce a vixilancia, xa que está demostrado que dan erros nas localizacións ou efectúan deteccións falsas, ademais de que, ao non seren térmicas, cando se fai noite ou hai algo de néboa perden a operatividade.
Neste sentido, a responsable nacional do sector, Zeltia Burgos, sinala que desde o ano 2015 pecharon 29 casetas (9 na provincia da Coruña, 4 en Lugo,9 en Ourense e 7 en Pontevedra) pasando de 73 casetas a 44 na actualidade.
A maiores, indica que no PLADIGA seguen figurando coma operativas torres de vixilancia pechadas dende hai anos coma o caso da do Burgo (Castro Caldelas) e a da Escrita (Rubia). Para máis subliña que o PLADIGA 2021 establece coma misión dos vixilantes fixos/as “manexar e observar as imaxes das cámaras de vixilancia para localizar posibles focos de incendios”. Denuncia que, porén, estas cámaras non están instaladas nas torres de vixilancia para darlle o mellor uso posible como complemento das labores do persoal vixilante “senón nos centros de coordinación”.
Xunto a isto sinala que as casetas abertas non están cubertas con suficiente persoal para cubrir tódalas quendas nin sequera na época do alto risco. A modo de exemplo apunta que na provincia de Pontevedra hai 10 casetas abertas onde debería haber 50 vixilantes fixos/as para cubrir as quendas e só hai 34 a día de hoxe
A ausencia de formación choca coa propaganda do Conselleiro de Medio Rural
Segundo Burgos, nin sequera a día de hoxe se ten executado o plan de formación publicado nun anexo do PLADIGA 2021. “Comezamos o alto risco coa formación sen impartir e iso que o mesmo planeamento recoñece que se ten que formar fora deste período de alerta extrema. É certo que ao longo do país se fixeron algúns simulacros operativos pero non substitúen a necesaria formación continua do persoal. Mentres o conselleiro de Medio Rural anuncia o gasto de ducias de millóns para un centro de referencia internacional cando nin sequera forma o persoal da súa casa”.
Sanidade non vacinou ao persoal de incendios forestais
Todo o persoal do SPIF foi considerado servizo esencial durante a pandemia da COVID e o segue a ser hoxe pero da súa vacinación aínda nada se sabe. Así o indica Zeltia burgos quen advirte que “afrontamos un duro verán sen vacinar neste servizo de emerxencias e non nos explicamos como pode ser cando xa se vacinou ata o persoal voluntario de protección civil”.
Lembra o peche de unidades e mesmo o confinamento dalgún distrito o pasado verán. Por iso alerta de que a situación podería repetirse de darse un caso dun positivo en plena campaña de verán. “Hai uns días estivemos no Parlamento de Galiza denunciando tamén esta situación e todos os grupos amosáronse sorprendidos pola falla de vacinación deste persoal esencial.
Puntos de encontro (bases) dos bombeiros e bombeiras
A CIG-Administración Autonómica denuncia tamén que o persoal carece da infraestrutura necesaria para cambiarse, quecer ou xantar e moitas veces sen sequera un váter, incumprindo claramente a lei de prevención de riscos laborais e o propio acordo do V Convenio para este persoal asinado xa hai 14 anos ( artigo 3.14 do acordo de condicións especiais do persoal laboral do SPIF. “Chámanlle puntos de encontro porque chamarlle bases sería ilegal”, di Burgos, quen engade que “os 20 millóns de euros que o conselleiro anunciou a bombo e platillo para investir en infraestruturas de puntos de encontro, distritos, bases, vehículos, etc están sen executar...ou non se ven por ningures”.
A ese respecto lembra o compromiso de Medio Rural de establecer un plan de creación e mellora das instalacións que di literalmente que “1. A Consellería do Medio Rural elaborará un plan plurianual de creación e mellora das instalacións: bases do persoal de distrito, bases aéreas e puntos de vixilancia e accesos a estes. 2. No último trimestre de cada ano a Consellería do Medio Rural elaborará un plan específico de mellora das instalacións que vai acometer no ano seguinte”.
OS EPIS unisex e a lavar para casa
O sector da Autonómica lembra as abondosas referencias do carcinoxénico das borrallas das fundas e o resto de material despois dun incendio e denuncia que “a falla de infraestrutura necesaria fai que o macuto con toda vaia do choio para casa. A roupa e o seu manexo é altamente canceríxena e debe ter un tratamento especial tamén para manter as súas condicións ignífugas”.
Lembran que hai anos que as contratas de roupa de traballo son unisex o que trae diversos problemas para as mulleres bombeiras e axentes forestais, entre os que sinalan “largura excesiva nos brazos ou simplemente tiros inadecuados que producen rozaduras e problemas de caídas”. Ao que engaden que co calzado e outros equipos pasa o mesmo.
Xunto a isto denuncian que os EPIS seguen sendo “escasos e malos” e que o sistema de cambio ante incidencias ou roturas é lentísimo e poden levar toda a tempada. “As máscaras de protección ante os gases e partículas ou os equipos de salvamento autónomos que ordena a inspección de traballo son ciencia ficción”, afirman.
Vehículos e maquinaria vellos ou inexistente
Tamén o parque móbil segue sen actualizarse. Para máis aseguran que “non se recuperou a maquinaria que se agasallou aos concellos amigos hai dez anos como os tractores para facer prevención ou os vehículos autobombas e seguimos dependo de empresas para a maquinaria pesada con contratos abusivos”.
Indican que os vehículos do persoal son os peor parados e que “cun ano máis de antigüidade seguimos sen renovar a flota dos vehículos todoterreo do persoal de campo con algúns de mais de 20 anos e medio millón de km”. A isto engaden que os novos alugueiros veñen con multitude de problemas, “con rodas de estrada e non están preparados para os equipos e materiais que portan as brigadas”.
Tamén as autobombas están vellas e cheas de apaños sen implantarse un sistema de arranxo áxil como talleres mecánicos propios, o que obriga a depender da vontade de externos. “Ademais afrontamos un alto risco sen persoal para as motobombas o que fai que non podan activarse todas as quendas”.
Plan preventivo sen executar
A día de hoxe as tarefas de prevención de incendios, o capítulo 6 (proxectos e obras de execución directa en montes de xestión publica) e o 7 (subvencións) para a prevención de incendios forestais está sen aprobar.
Unha situación que se repite demasiado estes anos e, como afirma Zeltia Burgos, “como imos tarde polos prazos de certificación, van volver coincidir tarefas de prevención co momento mais álxido das tarefas de extinción, sobrecargando recursos ademais de que as tarefas que nesta época son moito menos útiles. Ao final repetiremos desastre e terán que voltarse millóns de euros de fondos europeos por non ter a previsión de executar as obras antes do comezo de alto risco”.