Xunta de Persoal Funcionario da Coruña reclama mudar a política forestal, máis prevención e medios
Ante a vaga de lumes que asolaga Galiza, a Xunta de Persoal Funcionario dos Servizos Periféricos da Xunta na Coruña vén de reclamar publicamente unha modificación da política forestal -reducindo o monocultivo-, reforzar os traballos de prevención e unha maior planificación destes. Así mesmo, o órgano de representación demanda que se recoñeza o traballo das e dos axentes forestais e que se dote co mellor material dispoñíbel ao persoal que loita contra o lume.
Desde a Xunta de Persoal entenden que tanto o Presidente da Xunta de Galiza como as Conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente "deberían asumir a súa responsabilidade" e non agocharse "nunha pretendida conxura de imaxinarias organizacións incendiarias".
Para o órgano de representación, o despedimento de 436 persoas dos dispositivos contra-incendios en plena etapa de seca -que xa dende hai varios anos se prolongan até ben alongado o outono-, "mostra a pouca previsión da administración". Ademais, imaxes como a de traballadores/as contra o lume amañando as súas botas queimadas con cinta illante "deixan ben claro que o material e os medios do que dispón quen ten que pelexar directamente coas chamas non é o máis adecuado".
Fronte a isto, subliñan que "non debería buscarse un ridículo aforro nos equipamentos das persoas traballadoras nin dos efectivos das brigadas en períodos que xa deberían estar incluídos no tempo de risco, como son os meses de setembro e outubro". "Nós somos o órgano de representación das traballadoras e traballadores que dirixen as loitas contra o lume forestal e estamos orgullosos do seu esforzo e do seu sacrificio, recompensados con baixos niveis e medios exiguos", critican.
No comunicado, a Xunta de Persoal apunta que "as circunstancias extremas de temperatura, humidade e vento, que se repiten periodicamente no noso país, xunto cunha política agro-forestal insostíbel, contribuíron a arrasar una boa parte do noso país en menos de tres días". Porén, sinalan, esa mesma política agro-forestal xa está comezando a ser revisada en Portugal polos efectos favorecedores das vagas de lume.
De igual xeito, dende a Xunta de Persoal trasladan a súa solidariedade a todas as persoas que sufriron perdas materiais a causa do lume, en especial con aquelas que perderon algún membro da súa familia. "As vidas das catro persoas mortas son irrecuperábeis para as súas familias", aseveran.