
A Xunta de persoal do HULA reclama máis persoal para cubrir a demanda do servizo de radioloxía

A Xunta de persoal do HULA rexeita a decisión da Xerencia en canto á posta en funcionamento do servizo de radioloxía no Centro de Atención Integral CIS. Explican que até agora as probas de raios X demandadas na Atención Primaria se facían unicamente no centro da Praza de Ferrol, "que contaba con dúas técnicas superiores en imaxe para o diagnóstico, o que non é suficiente xa que a demanda xera unha longa lista de espera".
A decisión da Xerencia consiste en suprimir unha desas dúas técnicas, de maneira que quede unha soa no centro da Praza de Ferrol e outra no CIS, "co que continuarán as mesmas listas de espera aumentando a carga de traballo á profesional".
Por iso, o órgano de representación denuncia que "o que se vendeu como un centro integral de saúde con servizos como o de radioloxía pase a ser un simple desdobramento do que xa tiñamos até agora, e que a cidadanía continuará a soportar longas listas de agarda para probas que poden axilizar diagnósticos".
Ademais de rexeitar "este despropósito", a Xunta de persoal reclama que se manteña o servizo de radioloxía as 24 horas para dar soporte ao PAC "o que evitaría moitas derivacións as urxencias do HULA".