A xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras rebélase contra a “situación crítica” do hospital comarcal

Anuncia a convocatoria dunha manifestación “pola recuperación dos dereitos sanitarios perdidos”
Valdeorras - 28 Set 2021

A xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación ante a “situación crítica” que atravesa o hospital comarcal e para demandar a recuperación dos dereitos sanitarios perdidos.

As dúas asembleas de traballadores/as realizadas os pasados días 15 e 20 de setembro acordaron a convocatoria tras constatar a “dramática” falta de profesionais e a desaparición ou a mingua “cruel” de servizos clínicos, así como as “inaceptábeis” listas de agarda, con tempos “absurdos” de 14 meses de espera para consultas, e a imposibilidade de asegurar a atención axeitada no centro e a rapidez e seguridade dun traslado medicalizado entre hospitais para levar pacientes críticos a Ourense. 

Antes da protesta, cuxa data aínda non está decidida, levarán a cabo accións para concienciar e solicitar apoio

Nese senso, critican o desleixo tanto da Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras como das direccións e subdireccións do distrito sanitario, e a falta de “respecto e consideración” cara a pacientes e profesionais. Ao mesmo tempo, advirten do estado no que se atopa a Atención Primaria, con situacións de descuberto de profesionais, centros de saúde “indignos” e falta de respecto aos dereitos de pacientes e profesionais.

Por iso aseguran que se ven na “lamentábel necesidade” de informar que por decisión unánime dos traballadores/as e das centrais sindicais que integran a xunta de persoal estanse a dar xa os pasos pertinentes para convocar unha manifestación de “protesta e reivindicación” da recuperación dos servizos sanitarios do hospital público de Valdeorras e dos cadros de persoal de Atención Primaria, así como para reclamar melloras na estrutura dos centros e no material de traballo.

Previamente á celebración da manifestación, cuxa data aínda non está decidida, levarán a cabo distintas accións para concienciar sobre as problemáticas que ameazan a sanidade pública valdeorresa e reclamarán o apoio dos Concellos do distrito ás súas reivindicacións.