A Xunta de Persoal do CHUS denuncia o deterioro das condicións de traballo e da asistencia en Medicina Interna
Persoal de Medicina Interna concentrouse esta mañá ás portas do Hospital Clínico de Santiago para protestar, máis unha vez, polo desmantelamento do servizo de medicina interna e denunciar a xestión dunha Xerencia que “está provocando o deterioro da asistencia, o empeoramento das condicións de traballo e a redución de cadro de persoal”.
O presidente da Xunta de Persoal, Xosé Manuel Marcote, denunciou que o servizo vive, desde hai anos, inmerso nun “caos absoluto”, derivado dunha “carga asistencial extrema” que “obriga a profesionais doutros servizos como oncólogos, endócrinos, pneumólogos ou reumatoloxía a asumir gardas” deste servizo, ademais de reforzos en quenda de tarde no hospital da Barbanza. Unha situación que se agrava, dixo, cando necesitan abrir a planta do Gil Casares.
Marcote advertiu que se está sometendo a Medicina Interna “a unha presión asistencial sen limites, onde o que prima non é a calidade, nin se valora a especialización, nin o esforzo dos seus profesionais”, que se senten, asegurou, “mangoneados e maltratados”. Unha situación que provocou que hai un ano o anterior xefe do servizo presentara a súa dimisión.
Xerencia que non cumpre
O Presidente da Xunta de Persoal responsabilizou á Xerencia desta situación e acusouna de incumprir “os principios xerais dunha administración pública de servizo efectivo aos cidadáns, obxectividade e transparencia, planificación e responsabilidade na xestión pública”.
Xunto a isto denunciou que a Xerencia ignora ás/aos representantes das traballadores e traballadores ao non convocalos para informalos de cuestións como o cadro de persoal de facultativos de medicina interna e vínculos ou respecto dun plan funcional deste servizo da área Santiago Barbanza que estableza os mecanismos adecuados para dar unha asistencia d calidade.
Marcote reclamou tamén unha explicación motivada respecto de por que “non se informou á Xunta de Persoal nin ao persoal das modificacións das súas condicións de traballo, nin dos acordos para facilitar os medios necesarios para poder desenvolver as novas tarefas que a empresa lle obrigadas a realizar”.
Ademais diso, exixiu unha planificación a curto, medio e longo prazo das medidas a adoptar para dar solución ao grave problema que supón a falta de profesionais no servizo de medicina interna.
Neste sentido, estendeu a súa acusación ao SERGAS por “avalar” a mala xestión da Xerencia e lembrou que o Servizo Galego de Saúde “é o responsable de avaliar os plans de calidade de doentes, da seguridade de traballadoras/es e pacientes e da atención aos cidadáns”.
Lembrou, xunto a isto que o SERGAS tamén é responsable de “implantar os plans de humanización de asistencia sanitaria” que, entre outras cuestións, “contemplan non esquecer todas as accións destinadas ao coidado do persoal sanitario por parte da Xerencia, tanto en aspectos relacionados coa formación como coa prevención de desgaste profesional”.
O Presidente da Xunta de Persoal concluíu reiterando que “esta Xerencia está deteriorando a asistencia sanitaria, empeorando as condicións de traballo e recortando os cadros de persoal dos servizo a costa de diminuír a calidade do traballo realizado.