A Xunta de Persoal do 061 demanda o desbloqueo de cuestións laborais como o seu tralado á Estrada
A Xunta de Persoal do 061 concentrouse esta mañá diante da consellaría de Sanidade, en Compostela, en protesta polo bloqueo de diferentes cuestións laborais. Xunto a isto, o seu presidente, Mario Otero, explicou que tamén reclaman do conselleiro “que empece a exercer como tal e que coordine os diferentes departamentos que administra”.
Otero lembrou que Jesús Vázquez Almuíña, ademais da consellaría ten a presidencia do Consello galego de Saúde e a do Padroado do 061 e que, por iso é a el a quen demandan unha solución aos problemas laborais que ten o persoal.
O Presidente da Xunta de Persoal do 061 denunciou que as súas negociacións coa dirección do 061 “acaban sendo estériles” debido a que a dirección do 061 se acolle a que “non ten autorización do servizo galego de saúde para acometer as negociacións”.
Traslado á Estrada
Sinalou que o último desencontro produciuse porque tiñan o compromiso de que se ía crear unha mesa negociadora antes do 13 de xuño para abordar a cuestión do traslado do persoal do 061 ao concello da Estrada. “A nosa sorpresa foi que achegándose a data non se convocaba a mesa e o día 13 de xuño, que tiñamos reunión coa dirección, comunicóusenos que a mesa non se podía constituír porque a consellaría de Sanidade non tiña nomeada a persoa que ía exercer de representante súa na mesa”.
Otero asegura que desde a dirección do 061 se lles informou de que tiñan solicitado por escrito, por dúas veces, o nome desa persoa, sen que se dera resposta algunha.
De feito, as únicas noticias que teñen referidas ao traslado son, segundo Mario Otero, as que dá o propio alcalde da Estrada e o conselleiro de Presidencia. “As últimas datas que se manexaron é que comezaría a finais deste ano e remataría a principios de 2018”, explicou. Porén, fontes da dirección do 061 “non confirman unha data concreta e a fan depender da carga de traballo e de cómo veña o pico de gripe este ano, porque en función diso se executará antes ou despois”.
Xefaturas sanitarias
Isto xúntase con outras cuestións pendentes, algunhas delas mesmo desde o ano 2007, data na que se estaturizou o persoal, como son as xefaturas sanitarias, que seguen estando provisionais desde esa data e que segundo a dirección do 061 están bloqueadas pola Dirección Xeral de Recursos Humanos.
A este respecto Otero sinala que se puxeron dúas veces en contacto, por escrito, coa dirección de recursos humanos para tratar estes temas sen obter resposta desa solicitude. “Por iso decidimos concentrarnos hoxe aquí, para solicitar do conselleiro de Sanidade a súa intervención para resolver estas cuestión”.
Escrito no rexistro
Coincidindo coa concentración, os representantes da Xunta de Persoal entregaron unha carta no rexistro na que, xunto a estas cuestións, demandan un Plan de Estabilidade, porque segundo denuncian a consellaría bloquea no 061 a creación de prazas estruturais, como tamén o recoñecemento do cumprimento do obxectivo EFQM para parte do persoal da fundación.
Xunto a isto denuncian que a consellaría ampara á Dirección do 061 nos recursos por atención continuada en vacacións e libre de disposición ao non responder aos recursos de alzada favorablemente.