A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña- Cee denuncia os continuos atrasos nas obras de ampliación e reforma do hospital, o incumprimento sistemático dos prazos anunciados pola Xunta de Galiza e a redución do investimento previsto para 2027. Esta situación, advirten, está a prolongar os problemas de espazo e capacidade asistencial, mentres as obras e as dificultades nos accesos afectan diariamente tanto á poboación usuaria como ao persoal que traballa na sanidade.
As previsións da Xunta non se cumpren
En marzo de 2022, a Xunta anunciou que o 80 % do hospital estaría construído en 2025 e que a totalidade das obras estaría rematada en 2027. “A realidade é que ningunha destas previsións se cumpriu. O último calendario sitúa agora a finalización do núcleo principal en 2031, seis anos despois do inicialmente anunciado, mentres que unha terceira fase quedaría pendente e sen unha data concreta de finalización”, critica a presidenta da Xunta de Persoal, Lucía Peón Soutiño, da CIG-Saúde.
Os incumprimentos afectan tamén a outras actuacións fundamentais:
- Torre polivalente: debería estar en funcionamento a finais de 2025. Posteriormente anunciouse a súa entrada en servizo para mediados de 2027, pero a finais de outubro de 2026 as obras continuaban paralizadas e sen data concreta de reinicio.
- Accesos viarios: deberían estar rematados no primeiro trimestre de 2025. Agora a Xunta sitúa a súa finalización a finais de 2027, case tres anos despois do inicialmente previsto.
- Novos bloques asistenciais: a licitación anunciada para o primeiro semestre de 2026 tampouco se cumpriu nos termos previstos. En outubro de 2026 aínda se estaban valorando as ofertas para a escavación previa e supervisando o proxecto dos bloques.
Para a Xunta de Persoal, os sucesivos anuncios de novos calendarios “carecen de credibilidade cando as previsións anteriores se incumpren unha e outra vez”.
Un 46 % menos de investimento previsto para 2027
A esta situación súmase a redución da previsión orzamentaria para as obras durante 2027, que pasa de 100,1 millóns de euros a 54,1 millóns, é dicir, 46 millóns de euros menos, o que representa unha baixada de aproximadamente o 46%.
A Xunta de Persoal considera especialmente preocupante esta diminución da anualidade programada nun momento no que as obras acumulan importantes atrasos. “Aínda que esta redución non implica necesariamente unha diminución do custo total do proxecto, a Xunta de Galiza debe explicar como pretende cumprir os novos prazos cun investimento anual previsto sensiblemente inferior ao anunciado anteriormente”.
Falta de información oficial
A Xunta de Persoal denuncia tamén a falta absoluta de información e comunicación por parte da Administración sanitaria e critica que o órgano de representación das persoas traballadoras “non é convocado para recibir información sobre o estado das obras, as modificacións dos proxectos, os novos calendarios nin os atrasos que se van producindo”.
Rexeitan que a Xunta de Persoal teña que coñecer pola prensa as decisións que afectan directamente ao hospital e ás condicións nas que desenvolve o seu traballo o persoal e consideran inadmisíbel non recibir “información directa e periódica sobre unha actuación desta magnitude, que condiciona a organización e o funcionamento do complexo hospitalario”.
Os atrasos agravan os problemas asistenciais e os colapsos de Urxencias
A Xunta de Persoal advirte de que os atrasos non son unicamente unha cuestión de incumprimento de calendarios, senón que teñen consecuencias directas sobre a asistencia sanitaria e sobre as condicións de traballo.
A falta de novos espazos e de capacidade de hospitalización contribúe a manter os problemas estruturais do centro, especialmente visíbeis nos episodios de colapso do servizo de Urxencias. “A insuficiencia de camas dispoñibles dificulta o ingreso das persoas que necesitan hospitalización, prolonga a súa permanencia en Urxencias e contribúe á saturación do servizo”, alertan.
A esta situación súmase a utilización de habitacións con terceiras camas, unha práctica que evidencia a falta de espazo e que afecta ás condicións de atención, á intimidade e ao confort das persoas ingresadas, ademais de dificultar o traballo do persoal. “Cada novo atraso na ampliación do hospital prolonga estas dificultades e adía as solucións estruturais necesarias para mellorar a atención sanitaria”.
Graves problemas de tráfico nos accesos ao hospital
A execución das obras e os atrasos na finalización dos novos accesos están a provocar tamén importantes retencións e atascos nas entradas e saídas do complexo hospitalario, que afectan diariamente ás persoas que acoden a consultas, probas diagnósticas e tratamentos, ás persoas acompañantes e ao persoal que traballa no hospital.
As dificultades de circulación provocan demoras, complican os desprazamentos e engaden un problema máis a quen necesita acceder a un centro sanitario, polo que reclaman que se adopten medidas urxentes para corrixir este problema.
Por todo isto, a Xunta de Persoal reclama á Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade “un calendario realista e verificábel, explicacións sobre a redución do investimento previsto para 2027 e garantías de financiamento suficientes para evitar novos atrasos”. E reiteran que o CHUAC “necesita investimentos, espazos asistenciais suficientes, accesos adecuados e, sobre todo, compromisos reais que se cumpran”.