A Xunta de Persoal de Xustiza en Pontevedra critica o tratamento informativo da detención dun compañeiro en relación coa vaga de lumes
A Xunta de Persoal da Administración de Xustiza en Pontevedra vén de expresar publicamente mediante un comunicado o seu malestar polo tratamento informativo da detención dun compañeiro destinado nos Xulgados de Vigo pola súa presunta relación coa última vaga de lumes forestais. Dende a representación dos traballadores/as reclaman respecto á presunción de inocencia e denuncian que incluso algún medio de comunicación chegouno a relacionar incluso co seu posto de traballo concreto.
Na nota, a Xunta de Persoal (presidida pola CIG) di entender a alarma social xerada a raíz dos incendios, pero considera que “non se pode intentar desviar a atención e poñer o foco sobre un caso concreto, máis propio dunha imprudencia ou neglixencia que dun feito delitivo reiterado como foi o dos lumes provocados en Galiza nas últimas semanas”.
Ademais, dende a representación dos traballadores/as sosteñen que ao tratarse dun funcionario da Administración de Xustiza debera cumprirse moito máis o dereito á presunción de inocencia, “máxime cando estamos no inicio da fase instrutora do procedemento e pouco ou nada se ten probado até o de agora sobre a actuación presuntamente delitiva do compañeiro”.
Defensa non corporativista
Con todo, queren deixar claro que no se trata dunha defensa corporativista do traballador, “senón todo o contrario, pois con máis rigor neste caso, se cabe, deben de respectarse os dereitos fundamentais desta persoa, en non ser sinalada como cabeza de turco para desviar a atención das graves eivas existentes, responsabilidade do Goberno galego pola súa nefasta política contra os lumes e de protección dos montes”.
Finalmente, aseguran que no caso de que o seu compañeiro sexa condenado “non debe de quedar a menor dúbida de que se lle debe de aplicar a sanción correspondente que estableza lei, pero até que iso suceda pedimos respecto para esta persoa e para o colectivo de traballadores/as da Administración de Xustiza que nos vemos sinalados tamén nas novas publicadas nos medios”.