A Xunta de Persoal da Mariña insta o conselleiro a dar explicacións sobre a reforma da Lei de Saúde
A Xunta de Persoal da área sanitaria da Mariña volveu convocar concentracións este mércores en todos os centros sanitarios da comarca para esixir a retirada do anteproxecto de lei “que pretende borrarnos do mapa como área sanitaria”. Dende o órgano de representación reclaman a capacidade de xestionar dende a comarca tanto os centros de saúde como o Hospital da Costa para, deste xeito, “ofrecer unha prestación sanitaria de proximidade.”
O presidente da Xunta de Persoal, Adolfo Corral, denuncia que a modificación da Lei de Saúde o que pretende “é legalizar a mobilidade de profesionais cara o HULA e centralizar no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnosticas”.
Neste senso, rexeitan “enerxicamente” pertencer a área sanitaria de Lugo, xa que iso significa centralizar os recursos sanitarios na capital da provincia e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña. “A Mariña precisa ser un área propia con decisión propia tal e como o é a comarca de Ferrol”, sentenza.
Xuntanza co conselleiro
Dende o órgano de representación das traballadoras e traballadores instaron o conselleiro de Sanidade “a dar explicacións públicas nunha asemblea no Salón de Actos do Hospital da Costa” sobre a reforma da Lei de Saúde, que entre outras cuestións, suprime as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco, e traerá consecuencias asistencias e laborais.
“Parece que ao PP só lle interesa visitar o Hospital para facer propaganda. Primeiro anunciando investimentos que nunca chegan. Despois anunciando prazas que non se crean e, por último, defendendo iniciativas totalmente baleiras de contido e sen ningún tipo de repercusión real nas persoas usuarias e profesionais do centro”, afirma Adolfo Corral.
Desmantelamento e centralización da sanidade
A Xunta de Persoal entende que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.
Fronte a isto, inciden na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, sen depender de Lugo como ocorre na actualidade, que xestione os recursos humanos, materiais, de infraestruturas e coordine a atención especializada coa atención primaria.
Unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral "que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias”.