Nova manifestación en Vigo para reclamar uns servizos sanitarios 100% públicos e cos profesionais necesarios
Por uns servizos sanitarios 100% públicos e cos profesionais necesarios/as nos hospitais e na Atención Primaria. Baixo esta premisa celebrarase este xoves 12 de abril unha nova manifestación en Vigo convocada pola Xunta de Persoal da área sanitaria. A marcha arrincará dende Vía Norte ás 20:00 horas e rematará na Porta do Sol.
Entre as principais reivindicacións que os traballadores/as do sector pretenden trasladar con esta mobilización salientan o rexeitamento á masificación existente na Atención Primaria, aos colapsos do servizo de Urxencias e ás listas de espera nas operacións, probas e consultas.
Tamén se reclama a recuperación do hospital vigués Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública e a dotación dun aparcadoiro público e gratuíto neste centro sanitario. Con respecto ao hospital Meixoeiro, as demandas pasan por manter “enteiro” o centro, sen camas pechadas e con servizo de UCI.