A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo chama a participar na manifestación de SOS Sanidade en defensa da atención primaria
A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo fixo hoxe un chamamento a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da atención primaria que percorrerá as rúas da cidade este xoves día 12. A representación dos traballadores/as trasladou o seu apoio público a unha mobilización que arrincará do PAC da rúa Pizarro ás 20:00 horas baixo o lema 'Salvemos a atención primaria. Recuperemos a sanidade pública'.
A presidenta da xunta de persoal e o voceiro de SOS Sanidade Pública de Vigo compareceron esta mañá en rolda de prensa na porta principal do hospital Álvaro Cunqueiro xunto a representantes dos sindicatos que integran a xunta de persoal e de organizacións, colectivos e asociacións que fan parte da plataforma para insistir na necesidade de defender na rúa a sanidade pública.
Neste senso, lembraron que con esta mobilización queren instar a Consellaría de Sanidade a implantar de forma inmediata dunha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo aos e os pacientes, así como unha atención hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen “insoportábeis” listas de espera.
Outras das demandas pasan pola adopción das medidas estruturais precisas para ter unha contratación “digna” que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade e pola contratación de máis persoal e por acabar coa precariedade laboral aplicando un Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.
Mais tamén reclaman desenvolver os instrumentos de participación cidadá na sanidade, tan necesarios, para que a cidadanía exprese as súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.