A Xunta de persoal da área sanitaria de Santiago e Barbanza denuncia a falta de persoal de medicina interna
Representantes da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza concentráronse esta mañá diante do hospital clínico de Santiago para denunciar a falta de recursos de medicina interna, nomeadamente de profesionais, e a sobrecarga de traballo que isto provoca, o que está derivando nunha menor calidade na asistencia sanitaria. Xunto a isto denunciaron que malia terlle trasladado estas demandas á Xerencia hai xa dúa semanas, aínda non recibiron contestación.
Segundo explicou o presidente da Xunta de persoal, Xosé Manuel Marcote, o cadro de persoal do hospital do Barbanza está recortado no 50% o que obrigou a que a Xerencia desprazara a facultativos do CHUS a facer gardas, desde de oncoloxía ou de endocrino até de neumoloxía. Isto está a provocar un “desgaste” das e dos profesionais que se senten, “ maltratados pola Xerencia”.
Esta situación repítese cando se abre unha planta de Medicina Interna no Gil Casares pola presión asistencial. “As e os doentes teñen que ser atendidos por persoal de medicina interna do hospital clínico” o que, á súa vez, provoca unha diminución do persoal no Hospital Clínico.
Falta de planificación
Diante desta situación, o que demandan á xerencia é unha planificación a curto, medio e longo prazo para resolver a situación de medicina interna porque “non é de agora senón que se vén arrastrando desde hai anos” e foi o que, segundo o presidente da Xunta de Persoal, “provocou a dimisión do anterior xefe de servizo”.
Neste sentido, Marcote exixiu unha explicación motivada de por que non se informou á Xunta de Persoal en tempo e forma, senón cando xa estaba todo disposto e obrigando aos traballadores a ter que desprazarse ao Barbanza sen contar cos medios axeitados para eses desprazamentos.
O representante da Xunta de Persoal subliñou ao respecto, que en todos os servizos ten que haber un plan funcional, ou de calidade, para garantir a mellor atención contando cos e coas profesionais axeitadas, coas tarefas e responsabilidades de cada profesional definidas e valorarse os rateos enfermos profesionais así como a formación.
Inestabilidade
Marcote denunciou ademais que “aínda que nunha administración pública ten que haber transparencia e responsabilidade na planificación, a día de hoxe, non nos dan o cadro de persoal, polo tanto non podemos saber nin o persoal facultativo, nin de enfermería, nin do resto de profesionais que hai”. Como tampouco poden saber quen teñen estabilidade e quen non, porque “cada día marcha persoal en medicina interna”. Neste sentido lembrou que acaba de marchar persoal para a Xerencia de Pontevedra.
Do mesmo xeito denunciou a situación que hai no Gil Casares onde falta tanto persoal sanitario como non sanitario. A este respecto explicou que “tería que haber entre 8 e 13 doentes por médico, pero esta rateo está moi superada” e que, de feito, a semana pasada estaban ingresados 36 enfermos de medicina interna no Gil Casares “con nula mobilidade, moi dependentes” e tiveron que chamara persoal do Clínico, “a 2 TCAES, 2 enfermeiras e 1 celador/a para bañalos, darlles as comidas e cambiarlles os cueiros”. Por iso concluíu que “isto non é unha atención de calidade”.
Sen a metade do persoal facultativo no Barbanza
O presidente da Xunta de Persoal asegurou que no Hospital do Barbanza hai un total de 10 facultativos/as, pero que neste intre faltan 5. Afirmou que “Barbanza tiña que ter unha autonomía como ten o Salnés, Verín, Monforte, e ter alí realmente o seu cadro de persoal, pero se estamos a reducilo e non contratar e cando se contrata é en precario, pensan que teñen que estar dispostos as 24 horas, ao final acaban por asumir esa carga de traballo os que realmente están máis estables”.
Por iso alertou que no verán o problema de persoal pode ser maior xa que o persoal que hai irá de vacacións, como é o seu dereito, e denunciou que “como non hai un protocolo e se vai parcheando, o problema pode ser aínda máis serio”.
A semana que vén a Xunta de Persoal ten convocada unha concentración no hospital do Barbanza, para denunciar que “o problema non é só por parte de interna, o problema é da Xerencia”, concluíu.