A xunta de persoal da área sanitaria da Coruña pídelle amparo á Valedora do Pobo pola falta de medidas de seguridade e protocolos

Representantes do persoal rexistraron este venres un escrito dirixido á institución
A Coruña - 09 Mai 2025

A xunta de persoal da área sanitaria da Coruña-Cee rexistrou esta mañá un escrito solicitando o amparo da Valedora do Pobo ante a inacción da Xerencia e da Consellaría de Sanidade, xa que continúan sen pór en marcha as medidas de seguridade e os protocolos efectivos para evitar que se produzan agresións ao persoal do SERGAS.

A presidenta do órgano de representación, Lucía Peón Soutiño (CIG), lembrou que xa pasaron máis de tres meses dende a grave agresión rexistrada nas urxencias do Hospital da Coruña, mais “seguimos sen protocolos actualizados e formación en todos os servizos, unidades e/ou centros de traballo; sen medidas preventivas para evitar que se produzan as agresións; e sen protocolos actualizados para saber como actuar diante destes casos”.

Subliñou que esa agresión, á que seguiron outras de menor gravidade e que se reproducen no resto de áreas sanitarias, “puido terse evitado ou minimizado se o longo destes anos se escoitara á representación legal dos/as traballadores/as e se tiveran tomado as medidas adecuadas”.

Alertas reiteradas sobre o incremento da conflitividade

Incidiu Peón Soutiño en que a representación social leva anos advertindo do incremento da conflitividade cos/as profesionais que desenvolven o seu traballo e que esta se dá na maioría de veces “por motivos alleos como son as longas listas de agarda tanto para probas como para o acceso as consultas, ou a permanencia prolongada no servizo de urxencias por falta de camas de hospitalización”.

Neste último caso, resulta especialmente grave a situación das e dos pacientes de saúde mental no servizo de urxencias “onde permanecen días e días á espera de ser ingresados na unidade de psiquiatría de agudos pola falta de camas desta unidade”. Aínda que a Xerencia da área sanitaria tiña comprometido o comezo das obras de ampliación desta unidade para o inicio de febreiro, en pleno mes de maio e tendo  “camas bloqueadas” para realizar este aumento, “aínda non se fixo”.

A isto engadiu a inseguridade do persoal profesional do servizo de atención primaria de Curtis-Teixeiro, “que atende as persoas reclusas do cárcere sen contar con protocolos ben definidos e sen a participación das corpos de seguridade”. Por esta cuestión, a xunta de persoal xa solicitou hai un tempo amparo a Valedora.

Sen medidas efectivas

Sobre as medidas adoptadas pola xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee tras a agresión de febreiro, matizou que, malia as reiteradas peticións das/os delegadas/os de prevención e dos órganos de representación do persoal, só se activou o botón do pánico nalgún servizo de atención hospitalaria, pero ao estar instalado nun ordenador “é imposíbel de activar cando se está a prestar unha asistencia a pé de cama”.

Ademais, criticou que os protocolos entregados “e que estaban vixentes no momento da agresión, están totalmente desactualizados e non eran específicos”, tal e como determinou a propia Inspección de Traballo, que xa fixo un requirimento por esta cuestión á xerencia. “En canto ao resto de medidas anunciadas nin foron aínda adiante e algunhas xa estaban instauradas. Polo que de xeito efectivo só houbo o incremento dunha presenza dun garda de seguridade máis na quenda de tarde do servizo de urxencias do HUAC”.

A presidenta da xunta de persoal salientou que a día de hoxe “nin sequera se coñece o informe completo da causa-raíz da agresión”, e tanto a xerencia como a Consellaría de Sanidade seguen sen atender as solicitudes para a implantación de medidas de seguridade e protocolos efectivos. Diante desta inacción, acordaron acudir á Valedora do Pobo e solicitar o seu amparo “para que os/as profesionais da área poidan desenvolver o seu traballo nun entorno seguro”.