A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña-Cee pide o cese do Xerente como máximo responsábel da falta de medidas de seguridade

Considera que a agresión rexistrada nas Urxencias do HUAC podía terse evitado
A Coruña - 12 Feb 2025

Representantes da Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña-Cee trasladáronse este mércores até Santiago de Compostela para entregar por rexistro un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade pedindo o cese inmediato do Xerente, Luis Verde Remeseiro. Denuncian que, malia levar anos demandando que se implementen protocolos e medidas para garantir a seguridade do persoal e das persoas usuarias, a Xerencia "obviou todas as nosas peticións".

Consideran que a grave agresión sucedida o pasado 3 de febreiro nas Urxencias do Hospital da Coruña se podía ter evitado e por iso "pedimos o cese do Xerente como máximo responsábel da área sanitaria". "Como Xerente, está nas súas responsabilidades velar pola existencia de protocolos e que estes sexan coñecidos por todos os traballadores e as traballadoras", aseverou Lucía Peón, presidenta da Xunta de Persoal e delegada da CIG.

Engade que dende os diferentes órganos de representación do persoal levan anos reclamando protocolos de actuación ante posíbeis situacións de risco e saber como actuar con pacientes potencialmente agresivos/as: que profesionais teñen que intervir, onde hai que tratar a esa persoa, etc.. Peón sinala que ten que existir un protocolo específico para Urxencias "pero tamén para o resto das unidades do hospital, xa que esta circunstancia por darse en calquera unidade e o persoal ten que  saber que debe facer. E o mesmo acontece coa Atención Primaria".

A este respecto, a presidenta da Xunta de Persoal lembra que dende hai meses se está denunciando a situación no servizo de Atención Primaria de Curtis-Teixeiro, no que se atende ás persoas reclusas do centro penitenciario, porque aínda que se fixo un protocolo "non se está cumprindo". Esta guía estabelece, entre outra serie de medidas e pautas, que o traslado das persoas reclusas ao centro sanitario ou ao HUAC se fará de maneira obrigatoria con participación dos corpos e forzas de seguridade. "Pero na práctica non se cumpre", critica.

Faltan camas na unidade de agudos de Oza

Nas declaracións aos medios, Lucía Peón aproveitou para reiterar a denuncia pola escaseza de camas na unidade de psiquiatría de agudos de Oza, o que reverte sobre as Urxencias do Hospital da Coruña, xa que os/as pacientes permanecen días ou semanas neste servizo. A estas carencias a Xerencia respondeu "con medidas improvisadas" como adxudicar dúas habitacións (4 camas) da unidade de Rehabilitación e poñer unha/un enfermeira/o na porta destas habitacións vixiando. Cualifica esta medida de insuficiente e indigna para os/as profesionais e sobre todo para os/as pacientes "porque os estigmatiza".

"Levan anos dicindo que se vai ampliar a unidade de psiquiatría de agudos, pero non se puxo ningún prazo. O 27 de decembro dixéronnos que esas obras comezarían en xaneiro, pero a día de hoxe non hai nada, nin obras nin modificacións na unidade". Neste senso, advirte que o grao de conflito e os riscos nas Urxencias aumentan porque se utilizan como unidade de hospitalización "e non de paso", e pola falta de camas, os e as doentes (non só de saúde mental) pasan días neste servizo, que non está adecuado nin ten o persoal específico para darlle a atención que precisan.

A petición de cese foi unha decisión adoptada pola Xunta de Persoal, que é o máximo órgano de representación dos traballadores e traballadoras da área sanitaria da Coruña e Cee.  Representa o persoal dos catro hospitais da Coruña (HUAC, Abente y Lago, Materno e Oza), do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, e de toda a Atención Primaria integrada nesta área sanitaria.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.