A Xunta de Galiza perpetúa a precariedade do persoal da investigación sanitaria para esquivar as súas obrigas legais

A CIG-Saúde denuncia que lonxe de ofrecer estabilidade real, a Xunta opta por medidas que perpetúan a súa vinculación temporal
Nacional - 19 Dec 2024

A Xunta de Galiza e a Consellería de Sanidade, tras anos proclamando o seu suposto apoio á investigación sanitaria, aproveitan as datas de final de ano para introducir medidas que afondan na precariedade do persoal da investigación. Nun intento de evitar o cumprimento das súas obrigas legais, presentan os novos “contratos indefinidos por actividades científico-técnicas” como unha falsa solución para estabilizar ao persoal.

A CIG-Saúde denuncia que estas actuacións responden á necesidade de adaptar os contratos de obra e servizo á normativa vixente, xa que a prórroga concedida polo Goberno central para a súa conversión en contratos estables vence o 31 de decembro. Porén, segundo afirma Miguel Tizón, “lonxe de ofrecer estabilidade real, a Xunta opta por medidas que perpetúan a vinculación do persoal investigador a proxectos temporais, moitos deles xa inexistentes”.

Neste sentido, asegura que os novos contratos, na súa propia denominación, seguen sendo temporais, e que “isto desminte o discurso oficial de estabilidade”. Unha estratexia que “amosa unha vez máis a falta de compromiso do goberno do Partido Popular coa investigación pública galega”.

Asesorías xurídicas externas

Ademais, a CIG-Saúde denuncia que Xunta recorre a asesorías xurídicas externas, algunhas contratadas dende Madrid, para deseñar estas medidas, relegando ás institucións galegas e ignorando os dereitos dos profesionais.

A este respecto afirma que “esta manobra que non só busca burlar as esixencias legais, senón que tamén condena á investigación sanitaria pública en Galicia a unha maior inestabilidade”.

Por iso urxe un compromiso real da Xunta de Galicia para garantir “contratos estables, dignos e axustados á normativa, que permitan o desenvolvemento dun sistema investigador sólido e comprometido coa sanidade pública”.