A Xunta de Galiza aproba unha ridícula oferta ordinaria de emprego público
A CIG-Administración Autómica considera “ridícula” a Oferta de Emprego Público ordinaria de quenda libre e promoción interna presentada esta mañá pola Xunta de Galiza na Mesa Xeral de Persoal Empregado Público. Denuncia ademais que para evitar a negociación enviou cunha hora de antelación a orde do día onde figuraba a OPE 2022, coas táboas cos datos do número de prazas e do reparto por corpos, escalas e categorías, e o desglose por quenda de acceso libre e de promoción interna. “Con isto tratan de impedir que se poidan analizar e estudar os datos e, por tanto, que se poidan formular alegacións á mesma. Un método burdo para tratar de seguir impoñendo o que debe ser negociado”.
Así o denuncia a responsábel da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, quen asegura que “se amparan en que o goberno central impón unha determinada taxa de reposición de efectivos, que o PP utilizou durante os mandatos de Rajoy para xustificar unha OEP minguada”.
A taxa de reposición, un elemento que impide dotar á administración de todo o persoal necesarios
Burgos asegura que aínda que a Xunta diga, nunha nota de prensa, que a taxa de reposición é “imposta polo Goberno central”, “o déficit de persoal é histórico porque o propio goberno do PP con Rajoy á cabeza tamén impuxo esa taxa que leva a que non se poidan asumir novos servizos por falta de persoal”.
Considera que isto supón ou unha sobrecarga de traballo sobre os compañeiros e compañeiras ou en moitos dos casos a externalización dos servizos. “Autolimítanse para contratar persoal propio pero non o fan para contratar a empresas privadas para desempeñar o traballo que terían que facer eses propios empregados públicos, como vemos en moitos dos casos da privatización de escolas infantís ou residencias de maiores”.
Oferta de acceso libre moi reducida
Cuestiona ademais a exigua oferta da Xunta porque convoca só 702 prazas de acceso libre: para os corpos xerais apenas convoca 525 prazas e para os especiais 177. “Só podemos constatar que habendo escalas con moitísimas vacantes xeradas apenas figuran prazas nesta OEP”. Neste sentido sinala que “excepto na recente creada escala de orientación laboral no resto dos corpos parece ser a oferta de emprego máis reducida da última década”.
“Ridícula” promoción interna
Zeltia Burgos salienta ademais a “ridícula promoción interna de 2022”, con 351 prazas para toda a Administración Xeral da Xunta de Galiza. Lembra que os procesos de estabilización da lei 20/2021 na OEP non levaron quenda de promoción interna e que a desenvolvida ata o de agora “é dunha grande dureza, onde o personal funcionario de carreira ten que estar anos prepararando os procesos de promoción interna”.
A este respecto lembra que a CIG vén denunciando que “esta dureza, unida a falta de prazas fai que moitas veces sexa máis doado acceder a unha praza dun grupo ou subgrupo superior pola quenda de libre que de promoción interna”.
Por iso considera que é necesario estudar outras fórmulas como establecemento dunha promoción interna extraordinaria, automática e por concurso de méritos sen límite de prazas, na que as persoas funcionarias de carreira que teñan a titulación requirida poidan promocionar directamente ao seguinte subgrupo transformando a súa praza, estea aberta ou non, nunha do subgrupo superior.