A Xunta dá instrucións para a limpeza das ambulancias que non garanten a correcta desinfección
A FGAMT-CIG rexeita "as instrucións neglixentes" que están trasladando o Sergas e a Fundación 061 ao sector de ambulancias que poñen en riscos a seguridade do persoal e dos/as usuarios/as, así como "as mentiras" da Administración no relativo ao uso en Galiza das máscaras defectuosas retiradas e á realización de test serolóxicos a todo o persoal do transporte sanitario.
Dende o sector de transportes da CIG alertan que a Xunta deu instrución ás empresas para facer a desinfección das ambulancias con máquinas de ozono, cando dende o Ministerio de Sanidade teñen advertido que este método, sen outro tipo de limpeza, non está autorizado pola UE como biocida.
"A limpeza tense que facer utilizando produtos biocidas aplicados sobre as superficies e despois, a maiores se o indica a empresa, empregar o ozono. Pero a raíz da instrución do 061, moitas empresas estanse limitando a usar as máquinas de ozono, o que non garante a correcta desinfección das ambulancias", explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, quen alerta dos riscos de contaxio que implica esta práctica.
Neste senso, demanda da Xunta que de inmediato proceda a emitir novas instrucións e que exerza un control sobre todas as empresas para garantir que a limpeza se faga de maneira adecuada, algo especialmente importante agora que comeza a denominada "desescalada".
Uso das máscaras retirada
Ademais, Pastoriza critica "as mentiras" da Administración galega en relación aos dous tipos de máscaras retirados esta mesma semana por defectuosas. "Á Xunta sae publicamente asegurando que non hai risco porque aínda que mercaron este tipo de máscaras, estas non saíron da Plataforma de Distribución. Cando isto non é verdade. Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido", puntualiza.
Relacionado con isto, Pastoriza aféalle ao Goberno galego "que levamos dez días agardando a que se fagan os prometidos test serolóxicos a todos os traballadores e traballadoras das ambulancias, pero a día de hoxe só se realizaron probas a un grupo reducido do persoal". Neste senso, e atendendo a que no sector se estiveron usando as máscaras defectuosas e que hai dúbidas sobre a eficacia dun cuarto tipo de máscaras, a CIG urxe á realización dos test a todo o persoal para comprobar o alcance da incidencia da Covid19 no sector e previr novos contaxios entre traballadores/as e usuarios/as.