A Xunta contrata “empresas pirata” para a seguridade dos Centros de Menores
Delegados/as da CIG-Servizos do sector da seguridade privada concentrábanse esta mañá diante da consellaría de Política Social para denunciar a grave precarización laboral que provocará a concesión da seguridade privada dos centros de menores galegos a unha “empresa pirata” que ten un convenio propio que está un 30% por debaixo do estatal. Así o denuncia o representante da CIG-Servizos, Pedro Pérez, que define a Alcor como empresa “low cost”.
A CIG-Servizos responsabiliza á Xunta de Galiza por permitir que este tipo de empresas entren a concursar en distintas condicións e facendo competencia desleal a outras empresas que si están aplicando o convenio sectorial. Xunto a ela responsabiliza tamén á empresa, á que acusa de buscar unicamente “a súa rendibilidade económica tratando de conseguir un contrato ao mellor prezo, aplicando os seus traballadores/as unhas condicións precarias”.
Pérez lembra que o pasado 9 de marzo entrou en vigor a nova Lei de Contratación pública que contempla, nun dos seus apartados, a aplicación do convenio sectorial -do sector correspondente- por parte das concesionarias. Sinala que “con esa lei na man non poderían estar aplicando un convenio que fose de empresa como estas “low cost”, tería que aplicarse ese convenio”.
Porén denuncia que o que fixo a Xunta foi, “para non ter que aplicar este apartado da Lei, sacaron o contrato con data anterior ao 9 de marzo aínda que se licite con posterioridade para que teña aplicación a lei anterior”. Por iso considera que é a primeira responsábel en favorecer a entrada deste tipo de empresas nestas licitacións.
Precarización laboral
Antes da adxudicación, cando estaban no proceso de licitación esta empresa presentou unha alegación para que se quitara das plicas a conservación da aplicación do convenio estatal de seguridade para poder aplicar o seu propio convenio. Isto non se aceptou, pero si poderán aplicalo aos traballadores/as que se integren, porque o farán baixo o convenio de Alcor, non do convenio estatal de seguridade”.
A consecuencia inmediata para eses traballadores/as será a económica, mais tamén terá consecuencias sociais. Ademais, todas as baixas “estamos temendo que se cubran tamén polo seu convenio”, advirte.
Pérez salienta que esta é unha das concesións máis importantes que outorga a Xunta de Galiza porque é para todos os centros de menores, cun contrato de máis de 3 millóns de euros. Sinala que a empresa anterior si aplicaba o convenio estatal e que “independentemente de que tampouco sexa un dos mellores convenios que hai, polo menos tiñas unha certa estabilidade sabendo o que ías percibir ao mes”.
A aplicación do convenio propio de Alcor supón 350€ ao mes menos por traballador/a. Hai unha bolsa de horas que ofertou, e que aceptou a Xunta como mellora, que terán que ser cubertas. “Estamos falando de, ao mellor, 3 ou 4 xornadas máis con 3 ou 4 traballadores nestas condicións. As xornadas destes traballadores en vez de ser de 1.782 horas, como é no convenio estatal, serán de 1826, que xa son 40 horas máis por ano que teñen que traballar”.