A Xunta de Galiza atrasa o traslado do 112 á Estrada até mediados do mes de abril
O Comité de Empresa do 112 de Galiza vén de valorar positivamente a decisión da Xunta de atrasar o traslado do Centro de Atención de Emerxencias á Estrada para o 18 de abril. Considera que esta decisión dá a razón aos argumentos ofrecidos polos representantes dos traballadores e traballadoras do 112: o traslado nas datas anteriormente previstas (15 de marzo) “resultaría temerario para a protección das vidas e o territorio tendo en conta que a plataforma tecnolóxica está lonxe de estar preparada para as súas funcións”.
As e os xestores de emerxencias alertan de que o atraso da data en si é insuficiente para garantir a seguridade do proceso, e advirten de que o traslado continúa sen solucionar a pretensión de que sexan as traballadoras e os traballadores os que paguen do seu peto a propia deslocalización, unha contía que, en conxunto, pode superar os 400.000 euros por ano.
Improvisación da Xunta
Tal e como sinala o Comité do 112, a Xunta continúa a improvisar nos prazos e procedemento do traslado. De feito, o pasado 24 de febreiro, o director xeral de Emerxencias e Interior Luís Menor Pérez aludía -en resposta ás mobilizacións dos traballadores- a que o traslado se iniciaría "este mesmo trimestre". Porén, tres días despois, a empresa concesionaria comunicaba ao Comité que o traslado prevé agora realizarse o 18 de abril, no segundo trimestre de 2017.
Nova plataforma tecnolóxica
Unha ou outra data podería resultar irrelevante, segundo o comité, se non estivese vinculada coa formación dos e das xestoras de emerxencias para o manexo da nova plataforma tecnolóxica. “A maior parte do persoal realizou os cursos semanais da nova ferramenta de traballo entre xaneiro e febreiro. O retraso no traslado implica a dilatación do tempo comprendido entre a fase de aprendizaxe e a posta en práctica dos contidos abordados, facendo menos efectiva unha formación xa de seu deficiente”, advirten, “tendo en conta que a plataforma tecnolóxica está en fase de desenvolvemento e probas, nas cales o persoal en formación está a servir como testador da ferramenta”.
Reiteran máis unha vez que cada semana de curso están a xurdir novos erros e que a medida que os responsables do proxecto implementan novas bases de datos (de organismos, de recursos, de localización...), xorden novas incidencias que teñen forzado paróns na formación e perdas de tempo na mesma. Ademais de que o persoal non tivo a posibilidade de facer uso das aplicacións tal e como as vai ter que utilizar para a xestión real de emerxencias.
“En lugar de preparar os traballadores e traballadoras sobre unha plataforma tecnolóxica sólida e completa, están a utilizarnos como testadores, aforrando diñeiro á nosa custa e impedindo unha formación correcta”, denuncian.
A isto engaden que as declaracións de Luís Menor en que afirma antepor "a seguridade no servizo a calquera outra cuestión" convértense en “fume” xa a partir do propio proceso formativo. “O risco de colapso do servizo, como temos denunciado, continúa pola falta de planificación da Xunta”.
Perda do 14% do salario
O persoal do 112 perderá máis do 14% do seu salario co traslado. A este respecto lembran que “o Comité de Empresa do 112 tomou a iniciativa desde 2015 no diálogo coa Xunta en relación á deslocalización do servizo. Inicialmente para manifestar a nosa oposición e posteriormente co propósito de que o posible traslado se efectuase en condicións xustas e dignas”.
Subliñan que o Comité mostrou vontade de diálogo desde o inicio dos contactos. E así, cedeu aceptando que o cálculo das distancias se efectuase entre os domicilios do persoal do 112 e os centros de traballo (o actual e o da Estrada), o que, na práctica, significa unha rebaixa considerable das peticións iniciais. Desta maneira, o Comité elaborou un documento que contempla as distancias e tempos que implica a deslocalización para a mobilidade dos traballadores e traballadoras, calculando estimacións medias da afectación para as súas vidas e economia.
Este documento, consensuado coa empresa concesionaria a petición da Administración, foi entregado ao director xeral de Emerxencias e Interior, o mesmo que solicitou a súa elaboración co obxectivo de que a Xunta intervise para que o traslado resultase "o menos oneroso posible para o persoal", nas palabras de Luís Menor Pérez.
Porén, denuncian que unha vez revalidada a maioría absoluta por parte do PP, “contemplamos con rabia o engano e desprezo por parte da Xunta cara aos traballadores e traballadoras que prestamos un servizo público esencial para a vida dos galegos e galegas”.
Afirman que a Xunta “agocha agora a cabeza” e deixa nas mans da empresa concesionaria as posibles compensacións. A “oferta” da empresa, porén, resulta ridícula en relación aos gastos que o traslado vai xerar ao persoal, e continúa sen ter en conta o aumento de xornada e as dificultades para a conciliación da vida familiar e laboral, o que é particularmente grave á vista de que non hai un só criterio técnico que avale a distancia xeográfica entre o novo e o vello centro.
Lembran que a Xunta investiu máis de 17 millóns de euros no edificio e nas aplicacións informáticas, mentres pretende que a deslocalización a pague do seu peto o persoal que atende a cidadanía e mobiliza os recursos.
Explican que este persoal, que chega aos 25 anos de experiencia, e que atendeu no seu momento a vaga de incendios de 2006, o Prestige, o accidente ferroviario de Angrois e que cada día atende centos de chamadas de accidentes, peticións de ambulancias, incendios, naufraxios, desaparicións, etc., vese agora condenado a perder unha parte importante do seu poder adquisitivo (máis do 14% de media), e, nalgúns casos, a considerar a viabilidade de continuar a traballar neste servizo.
“A resposta da Xunta diante a posibilidade de perder traballadores e traballadoras ultracualificadas (que, ademais, só poden ser formadas no propio 112) e con ampla experiencia é pórse de perfil e insinuar que todo o seu traballo é “mediar” entre a empresa que ten o servizo privatizado e o persoal que o presta”, afirman.
Perante esta situación, os traballadores e traballadoras do 112 anuncian que continuarán a mobilizarse contra a deslocalización e en demanda de compensacións xustas polos agravios ocasionados “por un traslado caprichoso que se está a realizar sen a necesaria planificación e sen ter en conta o persoal que presta o servizo”. Advirten que non descartan ningún tipo de mobilización ou medida de presión para a defensa dos seus dereitos colectivos e anunian a realización dunha nova concentración mañá día 1 de marzo ás 12:30h. na Praza de Galiza de Santiago de Compostela.