A Xunta aproveita a pandemia da Covid19 para intentar liquidar as universidades públicas
Cunha présa inusitada para un goberno autonómico que sempre desatende as necesidades das universidades, a Xunta pisa o acelerador encargándolle á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa un proceso masivo de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no curso 2021-2022 a maioría deles sexan semi-presenciais, impartíndose toda a docencia teórica online. Xa en setembro de 2020 pretende obrigar a que moitas titulacións fagan ensaios para ese cambio, alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación posíbeis e suprimindo a docencia presencial teórica.
O borrador deste “Programa de Transformación” ao que tivo acceso a CIG-Ensino "é todo un cúmulo de despropósitos, disfrazando de pseudo-innovador o que en realidade é un auténtico plan de desmantelamento do sistema universitario público de calidade". Un plan feito, ademais, con nocturnidade e aleivosía, aproveitando a situación de estrés e de anestesia social derivados do actual estado de alarma.
"A redacción do documento é un insulto á intelixencia das galegas e galegos, recollendo propostas carentes da máis mínima base e xustificación, froito dun oportunismo improvisado, rastreiro e desleal con toda a sociedade galega", alerta a CIG-Ensino.
Desvirtuar o carácter presencial da docencia
Subliñan que desvirtuar o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a relación entre os/as docentes e os/as estudantes e a vida universitaria entre o estudantado "é só o primeiro paso". En liña co proceso de posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza, a Xunta busca restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan a súa esencia como espazo de produción e intercambio de coñecemento, ideas e vivencias; como referentes da investigación, a innovación e como alicerce do progreso e avance dun país.
Neste camiño, adiantan, o seguinte paso "será prescindir dunha boa parte do profesorado e substituílo por colaboradores docentes altamente precarizados e sen conexión coa misión investigadora, como sucede nas universidades a distancia existentes".
CIG-Ensino chama as tres universidades a dar unha resposta
A CIG-Ensino considera gravísimo que se usen os efectos desta pandemia como desculpa para dar un golpe de man que poña en risco unha das principais funcións das universidades galegas, -e como consecuencia o seu profesorado-: a transmisión de coñecemento e a formación de cidadáns e cidadás con capacidade para interpretar e dar resposta aos retos tan complexos que ten por diante o noso país.
CIG-Ensino chama ás tres institucións universitarias galegas a dar resposta a esta estratexia da Xunta e esixe a paralización deste disparate.