A Xunta anuncia un protocolo para os SAF con recomendacións e sen medidas que garantan a seguridade das traballadoras

A CIG reclama que o documento incorpore accións reais en materia de protección do persoal e de prevención de riscos e saúde laboral
Nacional - 14 Out 2025

A CIG denunciou hoxe a “total hipocrisía, falta de consideración e ousadía” do presidente da Xunta de Galiza, despois de que este luns anunciase un protocolo de prevención, detección e seguimento ante situacións de violencia nos domicilios para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que contempla unicamente recomendacións e non medidas que garantan a seguridade das traballadoras, polo que reclama que o documento incorpore accións reais en materia de protección do persoal e de prevención de riscos e saúde laboral.

Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos, lembra que a central vén reclamando dende hai anos a implantación de medidas para a organización do SAF que sexan garantes da protección da saúde das traballadoras. Reclamación que se fixo máis necesaria se cabe o pasado mes de xullo tras o brutal asasinato dunha empregada do SAF do Porriño, “suceso que evidenciou o risco que corren estas compañeiras debido á ausencia de medidas preventivas e de protocolos que as protexan”.

Mais para que o protocolo anunciado agora pola Xunta funcione, “e non sexa un mero papel nos caixóns dos Concellos e das empresas”, ten que contar coa colaboración e implicación tanto da Administración autonómica, última responsábel do servizo, como das organizacións sindicais e dos Gobernos locais. 

Para que o protocolo funcione ten que contar coa colaboración e implicación tanto da Administración autonómica, última responsábel do servizo, como das organizacións sindicais e dos Gobernos locais

Neste senso, Pérez explica que no mes de agosto a CIG presentou unha proposta e instou a constituír unha mesa de traballo na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para debater e acordar un protocolo con carácter de urxencia. “O 9 de setembro a FEGAMP, máis tarde que cedo, convocou a primeira xuntanza para a elaboración deste documento, encontro no que a Xunta foi a gran ausente, tal e como denunciamos no seu momento ao entender que a Administración autonómica séntese allea a esta problemática e coa súa ausencia elude a súa responsabilidade”.

O responsábel sindical considera que a presenza da Xunta era imprescindible nesta mesa xa que, de non contar co seu acordo, todas as medidas “caerían en saco roto”. “Son múltiples os casos nos que, pese a existir un acordo de paralización dun servizo por risco grave, ou calquera outra medida de protección, a Xunta reactiva o servizo obrigando as traballadoras a acudir aos domicilios, xa que, nas súas propias palabras, o importante e prioritario son as persoas dependentes”. Algo que para Pérez non é certo, xa que existen demoras de máis dun ano para o recoñecemento da dependencia e, pese a ser unha necesidade vital, a Administración autonómica demora moito tempo entre recoñecementos e listas de agarda para que sexa efectivo o servizo de axuda no fogar. “É dicir, cando falamos da vida, dos dereitos e da protección da saúde das traballadoras o importante son as persoas usuarias, pero cando falamos das súas responsabilidades as persoas usuarias xa non contan tanto”.

O foco sobre as traballadoras

Despois desta “total pasividade”, onte mesmo o presidente da Xunta anunciaba un protocolo para as traballadoras do SAF “do que os axentes sociais non temos coñecemento e que de momento non foi negociado nin consensuado”. Segundo a nota de prensa feita pública pola propia Xunta, o documento vai ser posto a “disposición” da mesa da FEGAMP, “pero non se fai ningunha mención a unha posible negociación; e todo isto de costas aos membros da mesa de traballo”.

De feito quedárase en que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) fose o encargado de elaborar un borrador para presentar na mesa na procura do consenso dos membros. “Pero agora o presidente da Xunta anuncia un documento de forma unilateral, unha manobra coa que pretende lavar a cara despois da irresponsabilidade amosada até o momento”.

Finalmente, a CIG considera inaceptábeis as medidas adiantadas no comunicado da Xunta porque non se pode consentir que se siga a poñer o foco nas traballadoras: aluden a formación en habilidades específicas en materia de prevención da violencia, comunicación efectiva, resolución de conflitos e control da tensión para que o persoal poda desenvolver o seu labor con maior seguridade, confianza e capacidade de resposta ante situacións adversas; mais non se especifica nada a respecto de prevención de riscos nin protección da saúde. “Porque non hai agresión tolerábel nin xestión posíbel ante situacións denigrantes, violentas e ofensivas no traballo; e a política de prevención de riscos non debe de basearase nunca en formar a traballadoras para tolerar situacións coma estas”.