A Xunta ábrelle a porta da ACSUG á universidade privada
Na Mesa Xeral das e dos empregados públicas da Xunta, a administración galega trasladou aos sindicatos unha modificación dos estatutos da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para darlle entrada no seu Consello Reitor á Universidade privada. Será unha nova porta aberta á privatización no ámbito universitario, co respaldo á empresa vinculada aos Escotet, receptores do agasallo do aforro de centos de miles de galegos e galegos coa fusión das caixas galegas forzada por Feijóo.
A CIG amosou a súa oposición a esta medida ao entender que no Consello Reitor da ACSUG só deben ter presenza as universidades públicas, con independencia do control que sobre as súas titulacións debe exercer a Consellaría de Educación e a propia Axencia.
A negativa da CIG non se centra nun cuestionamento legal da decisión senón nunha posición previa á cuestión legal: autorizouse, como trato de favor, a creación dunha universidade privada con titulacións concordantes con outras das universidades públicas, algo contrario á Lei que regula o Sistema Universitario Galego, e agora ábreselle a porta a formar parte do consello reitor da ACSUG á beneficiaria a privatización.
Denuncia no Consello Social da USC
A CIG tamén quixo deixar constancia no último Consello Social da Universidade de Santiago desta situación, denunciando que se confirma o que o sindicato dixo desde que se coñeceu que Feijóo ía poñerlle unha alfombra vermella a Escotet: que a competencia desleal coas tres universidades públicas galegas sería o habitual, demostrando que nunca cumpriu cos requisitos legais para poder ter unha licenza como universidade. A intervención no Consello do propio reitor, xunto cos datos achegados, confirma a denuncia do sindicato.
Quen fai a lei, permite a trampa
O exemplo do que que xa está a pasar en Galiza coa xestión do SUG desde que non é totalmente público queda co sucedido cos graos de Intelixencia Artificial: as tres universidades públicas galegas chegaron ao acordo de crear o graos nas tres universidades, limitando a matrícula a 50 prazas por universidade. Pouco tempo despois, e tamén para este curso, a universidade privada vinculada á Abanca crea o mesmo grao (Enxeñaría en Sistemas Intelixentes) con 100 prazas, sendo unha titulación claramente redundante.
Onde está o control da Xunta? Onde está o conselleiro de Educación? Que papel se lle dá á ACSUG? A privatización dos servizos públicos sempre precisa que desde o poder político haxa quen promova a lei e quen permita a trampa: quen fixo o primeiro ten nome, Feijóo; quen permite o segundo tamén, Rueda. Ambos son servidores do sector privado desde os poderes públicos.