A xuízo un compañeiro da CIG-Servizos por "aldraxe á bandeira" durante a folga da limpeza do Arsenal Militar
"Aldraxe á bandeira". Ese é o "delito" polo que Pablo Fragoso irá a xuízo o próximo martes tras de ser denunciado por tres militares do Arsenal de Ferrol por supostas faltas de respecto á bandeira española durante o izado da mesma. Uns feitos que hai que contextualizar no marco das protestas que as traballadoras de Cleanet (a empresa que se encargaba da limpeza das instalacións militares) realizaron para esixir o cobro dos seus salarios.
"Para a institución militar parece que é máis importante un anaco de tea, que o dereito das traballadoras que fan a limpeza das instalacións a recibir o seu salario e poder comer".
Así se expresaban hoxe en rolda de prensa Xesús A. López Pintos (co voceiro da CIG de Ferrol), Rocío Doce (Secretaria comarcal de Organización da CIG-Servizos) e o propio acusado, Pablo Fragoso, para quen a Fiscalía solicita unha multa de 1.850 euros por presuntamente "aldraxar" a bandeira.
Dende a central sindical cualificouse de "surrealista" que se vaia a xuízo e enténdese totalmente desproporcionada a sanción que se pide. Ao tempo a denuncia interprétase como "un acto de represalia pola folga e as mobilizacións que durante cinco meses mantiveron as traballadoras da limpeza do Arsenal". Neste senso, na comparecencia subliñouse que a denuncia foi presentada por tres militares do Arsenal cando o conflito xa estaba solucionado. "Pero moito nos estraña que os militares tomaran esta decisión sen contar co beneplácito do Almirante", matizou Pintos.
Cuestiónase a liberdade de expresión
Na denuncia especifícase que os tres militares recoñeceron a Pablo Fragoso polas reunións que tivo co Almirante para abordar a situación das traballadoras, ás que acudía como representante sindical, e acúsano de insultar a bandeira durante o izado e de ameazar con queimala. Pintos aseverou que non se recoñece ningunha destas afirmacións, valorando que "mesmo resulta sorprende que os militares puideran escoitar algún comentario tendo en conta o ruidosas que eran as protestas, ás que íamos con pitos, bubucelas, bucinas e megáfono. Nós, dende logo, non lle escoitamos dicir nada".
A liberdade de expresión, é un dereito fundamental en calquera sociedade que se considere democrática"
Nesta liña, Rocío Doce explicaba que as protestas e pitadas se realizaban a primeira hora da mañá diante do recinto militar, pero fóra do mesmo xa que o acceso está moi restrinxido. "Se o persoal militar ten que cadrarse e gardar silencio durante o izado, parécenos moi ben, pero nós non somos militares, somos civís exercendo un dereito fundamental, como é o dereito á folga". En todo caso, matizaron que, de proferirse insultos contra a bandeira, habería que valorar que poidan ser considerados por alguén unha falta de respecto, pero en ningún caso se debería tratar como un delito.
"Entre outros motivos, destacaron, porque aquí entra en xogo a liberdade de expresión, un dereito fundamental nunha sociedade que se considere democrática. Estaríamos ante un caso semellante á pitada ao himno español no Camp Nou. A percepción individual desa acción é unha cousa, pero en ningún caso debería ser unha infracción penal, tal e como determinou a Audiencia Nacional coa pitada ao himno", subliñou Pintos.
Neste contexto, hai que lembrar que durante o conflito, o daquela Almirante xa remitira á CIG as súas queixas polo ruído das protestas, esixindo que as folguistas gardaran silencio durante o momento o izado. "As traballadoras chegaron a pasar catro meses sen cobrar os soldos, pero ao responsábel do Arsenal só lle importaba que estiveramos en silencio durante o izado, desentendéndose da situación destas compañeiras, que chegou a ser verdadeiramente dramática", censurou Rocío Doce.
A despreocupación era tal que a CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á folga, xa que o propio persoal militar estaba a realizar as tarefas de limpeza. O feito de tratarse dun recinto militar tamén impedía coñecer que ocorría dentro dos muros e mesmo a Inspección de Traballo escudouse na falta de competencias para non realizar visitas ao Arsenal.
Sobre o concurso, explicou que, a raíz do conflito laboral, houbo unha investigación na comisión de defensa na que se detectaron irregularidades no proceso de adxudicación do servizo a Cleanet.
Un conflito moi duro, que se prolongou durante meses
Na rolda de prensa lembrouse que as traballadoras de Cleanet desenvolveron entre 2014 e 2015 un duro conflito en todo o estado para esixir un dereito tan básico como cobrar os seus salarios, mentres a empresa permanecía completamente desaparecida.
A loita tivo especial forza e intensidade en Ferrol, onde as traballadoras (que xa sufriran impagos coa anterior concesionaria do servizo) levaron a cabo unha folga que durou cinco meses, mobilizacións diarias diante do Arsenal Militar, unha acampada no Cantón de Molíns, manifestacións, encontros con representantes políticos, xunto con outras accións que as levaron até a porta do Ministerio de Defensa en Madrid e mesmo até Bruxelas.
E foi só grazas ás continuadas mobilizacións que o Ministerio de Defensa se viu na obriga de rescindir finalmente o contrato con Cleanet e preparar un concurso urxente. Unha medida que a administración podería ter adoptado moito antes e evitar as situacións dramáticas e o sufrimento que tiveron que padecer estas traballadoras.
Coa nova concesionaria xa dentro do servizo, deixaron de producirse os impagos, pero "houbo certas represalias, con cambios de posto dalgunhas traballadoras e co despedimento da encargada, entendemos que por ter apoiado á convocatoria de folga", sinalou López Pintos.
A loita destas traballadoras, invisibilizada polo propio lugar no que se desenvolveu e por tratarse dun sector tan patriarcal, antiobreiro e españolizador como as Forzas Armadas, foi recoñecida pola CIG co Premio 8 de Marzo do ano 2015.