A xuízo o xefe de seguridade do aeroporto de Santiago que obrigaba ás traballadoras mesmo a comunicar as súas menstruacións
Compañeiros e compañeiras e representantes da CIG-Servizos de Compostela concentrábanse esta mañá diante dos xulgados de Fontiñas coincidindo coa primeira das vistas do xuízo contra o coordinador de seguridade do aeroporto de Santiago, polo acoso continuado que padeceron varias traballadoras e que padeceu tamén o delegado da CIG, Xosé Luís Castro, tras denunciar a actitude machista e o trato denigrante ao que estaban sometidas.
Segundo explicou Roberto Alonso, membro da executiva da federación de Servizos, ao inicio da concentración, as traballadoras tiñan mesmo que informar ao xefe das súas menstruacións para que puideran ter un relevo no posto de seguridade e poder ir ao baño. “Tiñan ademais que pedir permiso para ir ao baño tanto as traballadoras como os traballadores e moitas veces se lles denegaba so pretexto de que non había relevos, cando realmente no aeroporto de Santiago hai un colectivo bastante grande, de máis de 40 persoas en seguridade, e non tería por que haber ningún problema”.
Xunto a isto, Alonso sinalou que o delegado sindical que denunciou esta situación foi tamén vítima de acoso continuado, tanto por parte do xefe de seguridade como das empresas que o respaldaron e mantiveron no posto até o día de hoxe, malia as denuncias presentadas.
Alonso lamentou que se tardara practicamente seis anos en que se celebraran as vistas do xuízo. Un tempo que considerou “completamente insufrible para as vítimas de acoso”, porque “moitas delas estiveron de baixa por trastornos ansioso-depresivos, esgotando períodos máximo dun ano e medio, tendo que incorporarse e ver alí ao acosador continuar con todo o respaldo tanto das empresas como da administración pública, porque o aeroporto de Santiago é unha empresa pública”.
Sentenza exemplarizante
O representante da CIG-Servizos lembrou que xa se fixeran varias concentracións de denuncia e agardou que por fin agora remate unha situación tan “grave” como esta e que haxa unha sentenza “exemplar” para que non se reproduzan este tipo de comportamentos nin no aeroporto Rosalía de Castro, nin en ningunha outra empresa de seguridade privada ou de calquera outro sector.
A este respecto denunciou que “por desgraza temos detectado que cada vez é máis habitual por parte das empresas ir a situacións de acoso porque lles resulta moito máis fácil, barato e non punible porque son situacións moi difíciles de denunciar por parte das vítimas que sofren este tipo de situacións porque adoitan ser acosadas cando están soas ou con situacións moi buscadas buscando amargar a existencia das traballadoras e traballadores para que acaben marchando da empresa sen dereito nin a indemnización, nin a prestacións, nin nada”.