A xestión da Xerencia do 061 na Coruña pon en risco a formación de MIR de Medicina de Familia

A falta de roupa de seguridade e EPI impique que poidan realizar a rotación obrigatoria nas ambulancias medicalizadas
A Coruña - 17 Dec 2025

A CIG-Saúde da Coruña advirte que “a nefasta xestión” do equipo directivo do 061 Galiza provocou unha grave situación que ameaza directamente á formación do persoal Médico Interno Residentes (MIR) de Medicina de Familia. A falta de previsión e planificación en aspectos básicos como a xestión da roupa de seguridade e os equipos de protección individual (EPI), está a impedir que as e os residentes poidan realizar a súa rotación obrigatoria nas ambulancias medicalizadas.

A representación de CIG-Saúde Coruña do 061 informa que varios MIR non puideron incorporarse  a súa ambulancia debido á ausencia desta roupa de seguridade, cuxa xestión é competencia exclusiva do equipo directivo do 061. Esta carencia, aparentemente loxística, ten consecuencias formativas de gran calado, xa que a rotación en emerxencias é un requisito indispensábel para completar o seu programa de especialización.

O problema, explican, ten a súa orixe na falta de disposición do equipo directivo a negociar as condicións laborais do persoal de medicina e enfermería das ambulancias. As persoas traballadoras denuncian a vulneración dos seus dereitos laborais e a progresiva precarización das súas condicións de traballo. Como consecuencia, as/os profesionais responsábeis da supervisión e tutorización do persoal médico residente decidiron abandonar as comisións de seguimento e control, ao considerar insostíbel a situación actual.           

Esta decisión tivo un impacto directo na formación do persoal MIR. “Na base do 061 en Coruña, as/os futuras/os médicas/os de familia levan até dez días sen poder realizar a súa rotación, ao non existir persoal que se faga cargo deles nin no ámbito da tutorización nin na xestión do vestiario e material de traballo necesario para o desempeño súa rotación”, indican.

Comprométese a obtención do título

A representación de CIG-Saúde Coruña do 061 advirte que, se esta situación se prolonga, as/os MIR poderían non cumprir os requisitos formativos nos prazos establecidos, o que poñería en perigo a obtención do seu título de médica/o especialista. "Non se trata só dun problema laboral, senón dunha cuestión que afecta á calidade do sistema sanitario e ao futuro da Atención Primaria", salientan.

Mentres tanto, a incerteza medra entre as/os residentes, que ven comprometido o seu futuro profesional por unha xestión que cualifican de neglixente. Diante disto, a CIG-Saúde da Coruña reclama unha actuación urxente por parte do SERGAS para desbloquear o conflito, garantir os dereitos laborais do persoal do 061 e asegurar que a formación do persoal MIR se desenvolva con normalidade.