
A Xerencia do CHUS militariza os accesos ao hospital clínico para impedir as protestas das traballadoras contra a súa xestión
A CIG denuncia a inédita actuación da policía española contra as e os manifestantes nas últimas mobilizacións convocadas no Hospital Clínico de Santiago por diversos colectivos de traballadores e traballadoras deste complexo sanitario. A central sindical culpabiliza tanto á Xerencia como á Subdelegación desta situación. Á primeira como instigadora da represión das mobilizacións e á segunda como responsábel directa.
Abeirando a ilegalidade
Na concentración celebrada na tarde de onte, o persoal dos servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares concesionsado a Ilunion, produciuse unha situación esperpéntica cando por parte da policía se prohibiu desenvolver a concentración na entrada principal do hospital, o mesmo lugar onde se veñen realizando desde que se inaugurou o edifico. “Non só iso”, explica Susana Méndez, Secretaria de Organización da CIG, “senón que tamén se volveu prohibir o uso do megáfono, como sucedeu o día anterior, baixo ameaza de sanción e mesmo detención”.
O representante da CIG, Anxo Noceda, subliña que “esta convocatoria realizada por todas as centrais sindicais con presenza no comité de empresa forma parte das mobilizacións que desde hai un mes se veñen desenvolvendo nese mesmo lugar”.
Noceda afirma que “abeirando a ilegalidade” os mandos policiais “acatando segundo eles ordes directas da subdelegación do goberno impediron que as traballadoras e traballadores puideran desenvolver esta mobilización no seu centro de traballo. Foi a propia policía quen obrigou ao persoal a ter que desenvolver a protesta na rúa, sen poder utilizar o megáfono, instrumento que a propia Subdelegación recoñece como lexítimo para o exercicio do dereito de reunión”.
A isto Méndez engade que o máis “surrealista” é que “a prohibición do seu uso por posíbel superación dos decibelios permitidos faise antes de que chegue a utilizarse e sen medición algunha”. Por iso, conclúe que “é inadmisíbel que agora a policía actúe de forma preventiva”.
Intento de secuestro do megáfono
Xa na mobilización de persoal estatutario do SERGAS convocada pola CIG-Saúde do día 18 de xuño, a policía intentou requisar o megáfono, que non se estaba utilizando, argüíndo que tiñan que levalo á comisaría para comprobar tamén se superaba os decibelios legais. Unha solicitude á que Méndez, presente na concentración, se negou. “Non imos entregar un megáfono que non se está usando porque pretendan comprobar se se podería vulnerar con el lei ningunha”.
A policía insistiu afirmando que tiñan que comprobar se se trataba do megáfono utilizado nunha mobilización anterior, celebrada tamén ás portas do hospital. Cuestión que Méndez considerou “inaudita”, tendo en conta que os megáfonos son todos iguais, que nin nese momento nin na protesta anterior tiñan equipo de medición algún e que, en todo caso terían que o ter comprobado mentres se estaba utilizando.
Ante isto, a policía identificou tanto a Méndez como a Xabier Alvedro, membro da Executiva de CIG-Saúde, e ameazou tamén con levalos detidos, asegurando que ían ser sancionados, agora non por portar un megáfono que podería ter feito ruído de máis, senón por desobediencia, por negarse a entregalo.
Este tipo de actuacións dirixidas a dificultar por todos os medios posíbeis o dereito á mobilización iniciouse na convocatoria do persoal de limpeza do pasado día 10. Daquela non levaron o megáfono, aínda que o intentaron, e identificaron a Anxo Noceda por, segundo dixeron, posíbeis actuacións sancionábeis.
A CIG pregúntase “por que a subdelegación do goberno actúa con tal inquina contra as mobilizacións en Compostela, abeirando a ilegalidade, e se o Delegado do Goberno, Pedro Blanco, aproba este tipo de actuacións”.