Xerencia da AXEGA dificulta o cumprimento do laudo que puxo fin á folga no 112
O Comité do 112 denuncia os impedimentos que o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Juan José Muñoz, puxo para que se dea cumprimento en toda a súa extensión ao laudo arbitral co que rematou a folga de preto de 90 días no 112. Xunto a isto denuncia as presións que padece o cadro de persoal desde o traslado á Estrada onde segue a haber problemas coa nova aplicación informática.
O Comité explica que na primeira reunión na que ían ser negociados os horarios de 2018 –para dar cumprimento a un dos puntos establecidos no laudo– a empresa convocou tanto a representantes do comité como ao asesor da CIG, Óscar Valadares –extraballador do servizo e membro do comité até o pasado mes de maio, así como integrante da equipa negociadora do acordo que puxo fin á folga–.
Porén, cando as persoas convocadas acudiron á mesa na propia sede do 112, o representante da empresa comunicou que a AXEGA non permitía o acceso nin sequera as dependencias da central de emerxencias, do asesor sindical. O comité entende que este “veto” sobre unha persoa que cumpre todos os requisitos para participar dunha xuntanza á que ademais fora convocada responde á súa pretensión de “vingarse” do persoal do 112 logo do éxito que obtivo tras dunha longa folga que “sacou á luz neglixencias na xestión do traslado do 112 á Estrada por parte da Xunta”.
O Comité de Empresa dirixiuse á AXEGA para pedir explicacións sobre o acontecido. A máis de dez días de ter enviado a comunicación aínda continúan á espera da resposta. Desde o veto do asesor da CIG produciuse outra reunión desta mesa negociadora dos horarios, que tivo que ter lugar nunha sede empresarial.
Presións
O Comité engade a denuncia das presións que a propia AXEGA exerce sobre o persoal, desde os excesivos controis no acceso á sala de traballo e o seguimento de todos e cada un dos movementos, até promover ordes que dificultan as vixilias nas quendas de noite. Unha actitude que o Comité asegura que non é nova aínda que se endurecera logo da convocatoria de folga. Muñoz “mantén unha actitude de prepotencia e desprezo cara o persoal, ao que ignora no centro de traballo que comparten”, aseguran desde a representación laboral do 112.
“Ao longo da folga destacouse pola súa animadversión contra o persoal da central de emerxencias, aliñándose co sector máis contrario ao diálogo no seo da Xunta. Desafiou os piquetes en varias ocasións, chegando a ameazar folguistas. E non dubidou en rachar carteis de propaganda da folga diante de compañeiros e compañeiras, logo de arrincalos do espazo destinado á información do comité no centro de traballo”, relatan representantes do persoal.
Engaden a isto que o Xerente da AXEGA “semella descoñecer as dinámicas da sala de operacións do 112 tal e como se evidencia en recentes declaracións públicas nas que vende unha situación ideal que non se corresponde coa realidade que se vive no día a día dos organismos que xestionan as emerxencias en Galiza”. A este respecto o Comité explica que mentres asegura que se está camiñando cara un mando único “o certo é que esa suposta integración nin existe, nin ten trazas de ser posíbel nin viábel a curto ou medio prazo”.
Lonxe disto, o Comité considera que o Xerente actúa como “punta de lanza do proceso de desmantelamento e privatización da xestión pública das emerxencias capitaneado por Alfonso Rueda co obxectivo de seguir recortando servizos públicos esenciais”.
Persoa "non grata"
Por iso a Asemblea de Traballadoras/es da central de emerxencias 112 acordou por unanimidade nomear persoa non grata a Juan José Muñoz: “pola súa hostilidade manifesta cara o cadro de persoal e polo seu papel protagonista tanto no proceso privatizador, como polas reiteradas neglixencias que se sucederon desde o seu nomeamento por causa, en boa medida, de absurdos protocolos que baixo a súa responsabilidade teñen revelado graves carencias na asignación de recursos para dar resposta ás emerxencias”.
A modo de exemplo lembran que cando se produciu o lamentábel incendio da factoría de Fandicosta en Moaña foron mobilizados antes os bombeiros de Ribadumia, a case unha hora de distancia, cando os bombeiros de Vigo estaban a dez minutos, así como o máis recente descontrol evidenciado no incendio que calcinou unha carpintaría en Cotobade. “En ambos os casos os medios de extinción máis próximos non foron mobilizados por decisións políticas desatinadas que están por detrás do Plan Territorial de Emerxencias de Galiza”.
Plataforma informática
O Comité reitera as queixas que viña realizando sobre o estado da nova plataforma tecnolóxica. A este respecto sinalan que a denuncia presentada ante o Parlamento Europeo continúa a súa tramitación mentres o cadro de persoal segue a ter que se enfrontar, día tras día, cunha ferramenta de traballo que dificulta a prestación do servizo. “Hai leves melloras, mais o groso dos problemas continúan” como aseguran que se certificou ao longo deste verán, cando nos días de bo tempo “a central viuse desbordada con colas de chamadas inasumíbeis, cando o volume de incendios e de emerxencias asociadas á estación foron menores que nos pasados anos”. Sinalan que o estado da aplicación informática ten ralentizado a resposta ante as emerxencias, o que provocou que os tempos de xestión do servizo estean lonxe dos niveis que mantiña antes do traslado á Estrada.