A Xerencia da área sanitaria de Pontevedra incumpre acordos en materia de contratación do persoal celador
A CIG-Saúde de Pontevedra denuncia o incumprimento por parte da Xerencia da área sanitaria dos acordos acadados en xuntanzas da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria, en concreto no que ten que ver coa contratación do persoal celador. Dende a central sindical rexeitan que se sigan a facer contratos de custodia por horas, impedindo a conciliación da vida laboral e familiar, cando se pactara coa dirección que a contratación sería a xornada completa.
Antes do acordo o persoal celador era contratando a demanda das horas requiridas para unha determinada custodia, “polo que te podían chamar ás dúas da mañá para traballar unha hora ou ben traballar as horas que fosen precisas, e ao remate da custodia mandábante para casa cobrando unicamente as horas que durara a custodia; en moitos casos o ingresado non superaba os 20 euros, e ademais podían chamarte para traballar ese mesmo día en quenda de mañá”.
O director de Recursos Económicos fixo a súa interpretación do acordo e segue cos contratos a demanda, polo que o persoal cando recibe a chamada sabe a que hora entra pero non á que sae
Esta cuestión foi abordada en varias reunións da Comisión, na que están representadas as organizacións sindicais e as direccións (Recursos Económicos, Enfermaría, Dirección Asistencial e Xerencia), pactándose que as contratacións faríanse por xornada completa, independentemente da hora de chamada (as xornadas completas ordinarias nos hospitais son de 8:00 a 15:00; de 15:00 a 22:00; e de 22:00 a 8:00 horas).
“Pois ben, o director de Recursos Económicos, que é o responsábel superior deste persoal, e decidiu facer a súa propia interpretación do acordo e continuou cos contratos a demanda, polo que o persoal cando recibe a chamada sabe a que hora entra pero non á que sae, impedindo a organización da súa vida privada e moito menos conciliar a vida familiar e laboral”.
Na CIG-Saúde entenden que con este tipo de actuacións o único que consigue a Xerencia é que os e as profesionais “busquen e marchen a outras áreas sanitarias nas que se lles amosa máis respecto e nas que teñen mellores condicións laborais”. En consecuencia, esixen o cumprimento dos acordos acadados e que se respecten os dereitos do persoal traballador.