A Xerencia da área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte négase a aplicar os acordos da mesa sectorial

O comité reclama que se proceda xa á redución da xornada ao persoal da Atención Primaria
Lugo - 17 Xun 2025

O comité de Centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo- A Mariña- Monforte de Lemos denuncia que a Xerencia está a negarlle ás traballadoras e traballadores os acordos acadados na Mesa Sectorial, polos que se aprobou unha redución de xornada para o ano 2025 até acadar unha xornada equivalente ás 35 horas semanais.

Logo de coñecer esta negativa, que supón que o persoal estaría a facer un exceso de xornada de entre un e cinco días, o comité de Centros de Primaria solicitou unha reunión urxente para esixir que se aplique o acordo. Porén, explica a presidenta do órgano de representación, Montserrat Porteiro (CIG), “malia a solicitude por parte de todas as organizacións sindicais de que se cumpran estritamente os acordos de xornada, o xerente pechouse en banda a aplicalos argumentando que ‘mentres non teñamos instrucións de Santiago non imos aplicar nada’”.

Lémbranlle á Xerencia que por orde da Consellería de Sanidade do 29 de xuño de 2023 publicouse o acordo do Consello da Xunta polo que se aprobaron melloras retributivas e de traballo das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para a redución paulatina da xornada até acadar as 35 horas semanais en 2025, e que se emitiu unha instrución para a súa aplicación.

Desde este órgano de representación das e dos traballadores (CIG, CCOO, CSIF, OMEGA, SAE, SATSE e UXT)  lamentan profundamente “a actitude negacionista na que está instalada a Xerencia, neste e en moitos máis aspectos que teñen que ver cos dereitos das persoas traballadoras, e esixen quede xeito inmediato que traslade a todo o persoal a disposición pola súa parte de aplicar esta instrución de xornada así como información clara sobre o procedemento para o disfrute de este exceso na xornada laboral, que é unha obriga da administración e un dereito que se lle está a negar ao persoal”.